27 setembro 2008

Veciños de Serén e ADEGA defenden os seus mananciais

Noticia publicada en "A Nosa Terra"
Medio cento de persoas protestaron pola licenza para aproveitamento industrial que se lle concedeu á empresa Fontnatura, á vez que presentaban alegacións contra ela, avaladas con máis de 1.000 sinaturas de simpatizantes con esta causa. A autorización permítelle á empresa dispor "para ela soa" de todas as augas do acuífero e impídelle calquera actividade que lle poida afectar á cantidade ou calidade das augas.
Os veciños denuncian que esta extracción afectaralles aos pozos e fontes da contorna e tamén lamentan que Fontnatura non presente ningún estudo da capacidade de recuperación do manancial nin de avaliación das consecuencias ambientais de extracción prevista, de 9.500 litros por hora.
Os afectados pensan que a concesión tramitouse ás súas costas e que non se tiveron en conta os seus intereses. Denuncian que a autorización se obtivo de xeito irregular, con actuacións ilegais como a usurpación de terreos polos responsábeis da empresa e sen cumprimentar os requisitos e controis legalmente esixíbeis a nivel ambiental, sanitario ou de administración hidrolóxica.
Pola súa banda, a presidenta de Adega, Adela Figueroa, explicou que as alegacións inclúen unha perspectiva ecolóxica, social e legal. Mentres, os veciños móstranse especialmente irritados porque se trata de augas públicas que manan "desde tempos inmemoriais".

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.