07 outubro 2008

Mostras románicas: Sta Mª de Anxeriz, S.XII.

No muro sur da igrexa vemos un tímpano decorado de difícil interpretación. Na parte central observamos unha cruz de brazos iguais ensanchadas nos extremos, da que parten dúas cruces similares máis pequenas. Podería ser unha alusión ás tres cruces do Calvario. Á esquerda, vemos a posible representación dunha árbore con mazás alusiva a árbore do Paraíso. Ao pé da árbore, un rectángulo podería ser a porta pechada polo pecado que esixe a redención efectuada na cruz. Na parte dereita do tímpano podemos ver unhas incisións moi sumarias que poderían aludir a algún tipo de construción. Tal vez, esta se trate dun castelo, que segundo a iconografía tradicional, era como se representaba á Xerusalén celeste, á que finalmente se accede a través da redención.
No mesmo muro sur, hai dous canzorros, un decorado cunha cabeza humana, e outro que parece ser un oso (segundo os bestiarios medievais símbolo da ira). Igualmente é medieval o sartego antropomorfo situado fronte ao muro sur.

4 comentarios:

A Ulloa en fotos

Qué bo sería facer un calco deste tímpano.

A Ulloa en fotos

Penso co canzorro non é un oso, senón un boi. A min paréceme que, aínda que moi pouco marcados, na parte superior, están os cornos.
Os osos teñen as orellas cara arriba, no lugar onde aquí estan os ¿cornos?

Naralliensis

Seguramente levas razón, porque xa o dubidei no seu día, pero os cornos non me acabaron de convencer, en cambio a forma da cabeza parecíame máis a dun oso. Pero dado que eu medio vin cornos, e ti tamén os ves, e que catro ollos ven máis que dous, quedamos co boi.
Gracias pola opinión.

Naralliensis

E un porco? O mellor os cornos son orellas caídas. E que o fociño non me parece de boi.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.