19 novembro 2008

Pazo-fortaleza de Friol

Pertenceu ós Arias de Sirgal, e por matrimonio pasaría ós Prado. A parte máis antiga é a torre, de principios do S.XIII, considerada a fortaleza máis antiga da provincia. Entre os séculos XV e XVII, o conxunto é sometido a sucesivas reformas encamiñadas a transformar o primitivo carácter defensivo nun deseño máis señorial.
O que vemos na foto correspóndese coas transformacións máis tardías. A ampliación iníciase pola parte dereita da fachada, froito das reformas do S.XV. Unha ampla porta de arco de medio punto doelada conduce a un patio interior que daba acceso á cociña. O resto da fachada forma parte da ampliación do S.XVII. Ten dúas portas, unha de arco de medio punto e outra alintelada. Sobre esta última ábrese un balcón "voladizo" sostido por grandes molduras de pedra, seguindo a moda pacega da época.
Hoxe, o que debería ser un reclamo histórico e artístico do concello, está nun estado de abandono que pon en risco toda a construción, pon en risco a memoria, e pon en risco o orgullo de ser de Friol.

3 comentarios:

Anónimo

Non se entende como esta propiedade, que no seu día foi adquirida polo Dr. López Suárez,e posteriormente cedida á Caixa de Aforros de Galicia co compromiso( cando menos) de mantela en pé e darlle algunha utilidade social á mesma,hoxe sexa novamente propiedade privada e esquecida das mans dos reconstrutores.
Unha mágoa ou a mostra do desinterese polo noso patrimonio.

Pharum Brigantium

Onde se pode atopar esta marabilla en perigo?
Gustaríame suxerir para este blog o Google Maps :-)

Friol

Atópase na entrada de Friol vindo pola estrada de Lugo á man esquerda. Mesmo enfronte do Centro Escolar.
O do Google maps estámolo estudando.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.