25 novembro 2008

Un sarcófago recuperado para a vida diaria

En calquera das visitas que se fagan no concello é difícil non atopar nos lugares máis insospeitados moitos sarcófagos de pedra, coma este que amosamos e que pertence á casa da Torre da Devesa no Sisto.

Normalmente estes sartegos foron reutilizados dependendo da necesidade, pero principalmente observamos que cumpren función de pía ou pé de fonte , cando non os atopamos-- os tempos avanzan e o pragmatismo deixou un espazo ás funcións estéticas— como xardineiras ou mesmo como colector das cousas máis inverosímiles. Este en concreto que agora está sen uso concreto, nun tempo debeu cumprir función de pía pois nunha das cabeceiras ten un importante rebaixe para cumprir a función de desaugadoiro.

Nos laterais , segundo nos informou o propietario, unha parte está moi rebaixada polo propio uso ao aproveitar directamente a pedra para afiar os aveños da labranza, coitelos e demais ferramentas ás que lle cumprise un bo afeitado. E isto foi así ao desaparecerlles o esperón que inicialmente estaba asentado na parte máis ancha do sartego cumprindo as funcións propias como pedra de amolar fouces e fouciños ou o que se terzase. Pódese observar na parte máis ancha deste sarcófago dous rebaixes da pedra un enfronte do outro que servirían de asento á citada pedra de afiar.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.