31 xaneiro 2009

Anafreita. Un topónimo, dúas teorías

A parroquia de Anafreita, como xa comentamos na entrada anterior, ten unha longa historia. Xa no século X, nos Tumbos de Sobrado, hai referencias ás citadas terras da aba da Serra da Cova da Serpe.
Concretamente aparece nos citados documentos como "Nave fracta" para, posteriormente, aparecer como Anafrecta, Anafreyta ou Anafreita.
Seguindo aos clásicos da toponimia galega e mesmo a Corominas, "Nava" sería un palabra prerromana coa significación de altiplano limpo rodeado de maleza.
Di Nicandro Ares que posiblemente nos inicios sería 'Nava fracta' -- nava abrupta-- e non 'Nave fracta' -nave partida-- . Este topónimo aglutinaría o artigo 'A' para pasar ao actual Anafreita.
Outras teorías (defendida principalmente por Joaquín Caridad) ligan o topónimo ao antropónimo xermánico Ana-Fred-a , aínda usado por esas terras na actualidade. Este antropónimo tería como base unha antiga deusa xermánica Freda -relacionada coa palabra Fraujon (muller).

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.