27 febreiro 2009

Marzo

Terceiro mes do ano, marzo está dedicado a Marte, deus da guerra na mitoloxía romana. (Hai que dicir que tamén é este deus o que dá nome a un dos planetas do noso sistema solar)
Acubilla nas súas datas a celebración do Día Internacional da Muller ( día 8) e o Día da Clase Obreira Galega (día 10 ) que ten a súa orixe na loita obreira antifranquista protagonizada polos traballadores da Bazán ferrolá. A morte de dous deles ese día do ano 1.972 é o que se conmemora tódolos 10 deste mes.
Pero pasando ao que nos interesa, en marzo entra a primavera, ao redor do día 21 ten lugar o equinoccio. 
Neste mes falamos do "marzo marzán pola mañá cariña de rosas e pola noite cara de can", facendo alusión ao contraste das temperaturas ao longo do día. Aínda queda tempo de fríos e o refraneiro avísanos dicindo que "cando marzo maiea, maio marcea".     
Facendo fronte común con abril di o refraneiro que "marzo ventoso e abril chuviñoso sacan a maio florido e fermoso", de tódolos xeitos xa podemos observar a forza da natureza nos campos e así escóitase que "por marzo florecen os campos". Narcisos, cáncaros, xacintos bravos, a invasora mimosa, os salgueiros,... empezan a darlle cor a unha natureza tristeira polo paso do inverno.
Ilustramos a entrada coa pintura de Marte realizada por Diego Velázquez.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.