31 marzo 2009

As pinturas murais de Carlín

As condicións climatolóxicas de Galicia dificultan a conservación do patrimonio da pintura mural, se ben, co devir dos tempos vanse sumando exemplos que ata agora permanecían descoñecidos por estar ocultos baixo a cal ou detrás de retablos. A estes exemplos súmanse os murais da igrexa de Carlín, descubertos cando se decide a restauración do retablo maior que ocultaba ditas pinturas. Ó mesmo tempo, deixaba ó descuberto unha ventá seteira de trazos románicos. A técnica empregada nestes murais era o fresco, consistente nunha aplicación rápida das cores sobre un revocado aínda húmido. A paleta cromática é moi sobria, pois compúñase de pigmentos procedentes de terras naturais e substancias de orixe mineral, como o branco de cal ou branco de San Xoan, tonalidades que oscilan dende os ocres ós sombreados, vermellos derivados do óxido de ferro, ou os negros do carbón. Estes pigmentos combinábanse entre sí para obter diferentes matices. O paso do tempo e o trato que estes frescos recibiron, deberon alterar, e moito, a súa tonalidade orixinal.
Estas pinturas, que no caso de Carlín ocupan un lugar preferente, non tiñan un obxectivo exclusivamente estético, pois eran auténticos sermóns en imaxes que reforzaban o discurso dos párrocos. Reproducen o Xuízo Final, pois Xesús aparece representado como Xuíz Supremo, mostrando as chagas da crucifixión, co peito descuberto e as mans levantadas. Está flanqueado por catro anxos trompeteiros anunciando o momento do Xuízo final, e está sentado sobre o arco da vella que xorde das nubes. Sobre el, a súa esquerda, figura unha espada, que nas representacións máis antigas saía da súa boca e simbolizaba a condena dos réprobos (mentres que do seu lado dereito saía unha rama de lirio que aludía ós elixidos, e que no caso de Carlín só vemos unha mancha) .
Polas características estilísticas, a volumetría que mostran as figuras, o claroscuro das roupas ou os reberetes xeométricos que adornan o conxunto, pensamos que esta obra mostra moitas similitudes co manierismo, se ben é moi probable, dada a certa lentitude con que as novas tendencias chegaban ás zonas rurais, que fose executada xa no S.XVII.

2 comentarios:

A Ulloa en fotos

Vai ser que vamos ter organizar un intercambio de visitas culturais. Gustaríame ver estas pinturas, así que non descarto unha visita a vosa terra en breve. Para despois das vacacións.

Friol

Pois serás ben recibida

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.