24 marzo 2009

A curación das lombrigas.

En tempos pretéritos unha das enfermidades infantís por antonomasia era o ter as lombrigas. A enfermidade é a que se coñece co nome de oxiuriose: presenza de parasitos no intestino.  
Na parroquia de Narla vive unha muller chamada María da Portela que curaba aos nenos que segundo ela tiñan o lombrigueiro. Esta señora segundo lle chegaban co neno afectado pronunciaba estas verbas: "Demo fóra". Os que acompañaban ao doente debían levar carne ( de cocho e xamón) e pan trigo, do xamón e do pan reservábase un cacho e co resto preparábase unha merenda. Cando remataban ao que previamente tiñan reservado engadíanlle un pouco de unto, unha herba coñecida co nome de "ascenta"( cremos debia tratarse da Artemisia absinthium , polas súas propiedades antihelmínticas que é do que se trataba), la dos testículos dun carneiro que debía ter máis de 3 anos e charrizo, envolvendo todo nunha verza e meténdoa logo nun braseiro. Pasado un tempo - dez minutos-- sacábase do braseiro e con esa mestura untábase ao rapaz por todo o corpo e ao tempo recitábase este ensalmo:
Virgen Santa que me ve
curar a un anxeliño do ceo,
polas llagas que sofreu
Noso Señor no Calvario
dáme forzas para matar
as lombrigas que padece
e que non lle volvan máis
a este anxeliño que é teu
padecendo lombrigueiro.
Unha vez feito isto se o neno non cura din que hai que desconxuralo.Para iso había que levar un litro de aceite. Enchíase un vaso co aceite , poñíaselle unha mecha e prendíase. Logo collía un libro --escrito en latín--colocábao diante do neno e empezaba a pasar follas ao tempo que dicía " aquí non" pasando á folla seguinte, e así ata que o neno dese en chorar. Paraba e dicía: "é aquí" lía a páxina e cando remataba aseguraba que as lombrigas estaban desconxuradas.
Non cobraba por esta actividade, só aproveitaba a merenda mailo aceite que naqueles tempos era un ben escaso.
Se despois de todo o feito o neno seguía enfermo dicía que " eran moi grandes e que o Señor non quería que morresen".  
Podemos ampliar esta información lendo a V. Lis Quibén no seu libro "La Medicina popular en Galicia"    

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.