06 abril 2009

Casa en Silvela

En Silvela atopamos esta preciosa casa, hoxe destinada a corte. Chamounos a atención polo delicado traballo de cantaría nos vans. Primitivamente foi casa vivenda térrea, do tipo casa-bloque, unha edificación elemental de planta rectangular onde coexistían cociña, forno, leitos e corte. No sobrado, plataforma de madeira situada sobre as cortes, e que aínda se conserva, durmía a familia. O estado de conservación da casa é bo, e esperamos que o siga sendo.
Os muros están feitos de cachotería, se ben os vans están recercados con traballadas obras de cantaría. A porta ten dúas xambas de catro pezas que rematan en mochetas. Sobre estas aséntase o lintel monolítico cunha inscrición dunha cruz de brazos iguais inserta nun círculo. A ventá é especialmente chamativa. De pequenas dimensións, como é habitual nestas frías terras, pero exquisitamente traballada. Non sabemos se foi invención do canteiro ou se é unha reinterpretación da chamada "arquitectura culta" (o que non desmerece o resultado), pois recorda ós arcos conopiais, que tiñan forma de quilla invertida e foron habituais nos séculos XV e XVI.

3 comentarios:

Anónimo

Dúas consideracións con respecto a esta entrada:
--Esta é a coñecida como Casa de Brais de Pedramaior ( Silvela) (actualmente é empregada como palleira e para gardar apeiros da labranza), os moradores fixeron unha nova casa enfronte da que se fala.
--A casa está situada no propio Camiño de Santiago que vén de Santiago de Miraz chamado Camiño Norte.
--Porta e ventá poden deixar voar a imaxinación e levarnos a unha antiga hospedería do Camiño ou ben a reutilización da pedra das enmarcacións referidas a unha antiga construción anterior.

Naralliensis

Agradecemos as apreciacións. Nos tamén pensamos nesa posibilidade de antiga hospedería, pois sabíamos que está no camiño, pero a falta de datos decidimos pasalo por alto. Polo menos de momento. En todo caso gracias polo comentario.

A Ulloa en fotos

Qué preciosidade de fiestra! Espectacular traballo de cantería digno de mestre da pedra.

Preciosa fotografía, gustoume de verdade.

Saúdos

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.