26 abril 2009

Memoria da guerra: A deshumanización

Dentro do contexto dunha guerra , e sobre todo cando é civil como a que se iniciou o ano 36, as persoas chegan a tal grado de deshumanización que , o que parecen feitos dunha película do máis duro surrealismo, fanse realidade , dura realidade , que acompaña aos protagonistas ao longo da súa vida e produce unha ‘forclusión’ que impide verbalizar feitos polo duros que resultan: Casos que corroboran este comentario, podemos lelos en entradas anteriores. 
Esta introdución vén a conto dun episodio que ocorreu na chamada”Toma de Madrid”, está extraída da Casa do Xastre -onde se pode ler enteiro-, e o protagonista é o avó do relator. Di así:
“A continuación poño unha das historias que me contou ( o meu avó), referida á fronte de Madrid, na Granxa de San Ildefonso, que foi, xunto coa Cidade Universitaria, e algún outro sitio de Castela a Mancha, onde lle tocou loitar. 
Parece ser que nun día de inverno, facendo unha marcha de cara a “El Ventarrón”, o grupo no que estaba o meu avó , nun cambio de rasante topouse cun grupo do bando republicano. A ensalada de tiros foi brutal e caeron moitos por ambas partes, pero máis do bando republicano. De feito, en principio pensaran que non quedara ningún. No momento de revisar aos caídos, atoparon unha manta, e ao retirala deron cun alto mando republicano. Empuñaba unha metralleta, e ao ver que eran moitos os que lle apuntaban rendeuse. Cacheárono, e descubriron que era un alto cargo da UGT, ou dalgún partido de esquerdas, non recordo. Mandárono a onde estaba o destacamento xeral para “xulgalo” (póñoo entre comiñas, porque polo que me comentou meu avó, debeu ser un ‘paripé’, para xustificar o seu fusilamento posterior).
O rifirrafe, tivera tanta sona, que como premio polo esforzo dos combatentes nacionais, deixáronos entrar no Palacio de La Granja de San Ildefonso, e puxeron a funcionar tódalas fontes para deleite dos mesmos.
Tempo despois mandaron de volta ao detido ao mesmo sitio onde fora capturado, coa orde de fusilamento. Tocoulle o mesmo batallón que o detivera, o do meu avó, e pediron voluntarios para o pelotón. Ofrecéronse un par deles, entre os que había un galego de Friol, que fora o que o atopara, e que se ofreceu, berrando: “Atopeino eu!”,e colleron a dous ou tres máis, obrigados.Cando o ían fusilar, o de Friol fixouse no abrigo de pel que levaba o republicano, e díxolle que era unha pena que unha prenda tan boa se estragase no fusilamento, e que a el xa non lle ía facer falta. Nese momento o xefe do destacamento nacional, e parte da tropa, recriminaron ao de Friol, chamándoo: “Animal!!!!!!”.
Un exemplo claro , triste e mesmo mesquiño do proceso de deshumanización ao que conduce unha guerra.
A fotografía que ilustra a entrada recolle a saída para á fronte das primeiras tropas desde o Cuartel de S. Fernando, Lugo,  e foi publicada por Carlos Fernández na súa obra "El alzamiento de 1.936 en Galicia".

1 comentarios:

Anónimo

Graciñas polo link, xa pensei que non me lía ninguén.
Brigantium

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.