21 abril 2009

Recuperando a memoria: Friol 1936-1939.

"Os choros e os berros sentíanse por toda a aldea cada vez que alguén tiña que partir, ou cando chegaba a noticia dalgún que non correra moita sorte". "Escaseaban alimentos fundamentais, como o pan, e todos estaban racionados". "Mentres os homes ían á guerra, as mulleres tiñan que coidar de familias xeralmente numerosas e tamén de pais maiores que non se valían por si sos". "Morreron moitos dos que foron á guerra, e outros volveron con secuelas físicas e psicolóxicas".
Así describe Borja López Penelas, estudante de 4º de E.S.O. de Friol, a vida cotiá naqueles fatídicos anos, despois de escoitar os relatos da súa avoa Concepción Río, de 83 anos e dos seus pais. Son relatos procedentes da parroquia de Narla, e que nos falan de medo, de dramas e de ilusións rotas:
Ángel Villar, curmán da avoa de Borja López, foi dado por desaparecido e despois por morto. Fixéronlle un funeral e por el gardouse loito. Pasado un tempo, por sorte, regresou, ateigado de piollos e pulgas. Faleceu hai cinco anos.
José Campo, veciño da zona, nunca regresou e nunca se soubo máis del. O seu irmán pasou unha vida enteira soñando con volver velo, e seguía con especial interese os programas de desaparecidos que botaban na televisión.
Daniel López, avó paterno de Borja López, estivo pouco tempo na guerra porque foi ferido e enviado a casa. Os seus irmáns tamén tiveron que ir á guerra. Faleceu hai catro anos, cando tiña 89.
José Penelas (na fotografía, o do medio), avó materno de Borja López, é alistado no ano 37 e permanece na fronte de guerra ata case a fin da contienda, cando é ferido de gravidade. Pasou días sen comer mentres permanecía nas trincheiras xunto cun veciño. Despois dun tempo no hospital regresa a casa. Morre aos 52 anos, tras soportar duras secuelas que arrastrou toda a vida. Á súa familia e a Borja, agradecemos a documentación que nos brindaron do seu paso pola guerra, e que nos permitiu facer unha breve reconstrución do seu periplo. A el dedicámoslle a seguinte entrada como unha humilde homenaxe, non só a el, senón tamén a todos os que neses tempos non tiveron elección.

1 comentarios:

Tinta Azul

Embora conheça mais o litoral, sinto-me na Galiza como em Portugal.

:)

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.