11 maio 2009

O San Benito do Carballo ( II )

A celebración que a parroquia de S. Xiao do Carballo, no concello lugués de Friol, leva a cabo o 3 de maio, ten como protagonista ao San Benito de Palermo.
Este San Benito, tamén coñecido pola cor da súa pel como "o mouro" ou "o negro" viviu no século XVI, sendo canonizado polo papa Pío VII no ano 1.807, concretamente o 27 de maio; hai agora 200 anos.
A igrexa do Carballo acolle a cantidade de persoas que acoden á celebración da festa e pedir protección ao santo.
As ofrendas de exvotos, candeas ou bens en especie como o pasa-lo pano pola túnica da imaxe, así como o beber a auga da fonte , ou lavar a cara coa mesma, forman parte dos rituais protectores que ano tras ano revalidan os centos de devotos que ata aquí chegan.
Este ano , polo que comentan os habituais, houbo maior concorrencia ca nunca. "Foi domingo e iso axuda".
O domingo seguinte fan a poxa dos bens ofertados o día 3. Nun ton festivo os veciños van adquirindo, previa poxa, queixos, millo, ovos, cacheiras, unllas. lacóns...
Rematada a poxa , remata a actividade, marchando cada quen para a a súa casa.  
As ilustracións correspóndense cunha das imaxes empregadas para "poñe-lo santo" e a realización dunha ofrenda ao S. Benito.

4 comentarios:

A Ulloa en fotos

Ese San Benito necesita unha limpeza urxente. Limpeza con restauración incluida. ¿É de nogueira? ¿Por qué leva esa asa detrás?

Friol

Non podo asegurar o tipo de madeira.Procurarei informarme.
No tocantes á asa hai que dicir que esta imaxe é empregada para poñe-lo santo o día do San Benito do Carballo. O Sancristán mailo seu axudante con dúas imaxes do santo pasan por riba da cabeza dos oferentes o santo, facendo unha especie de sinal da cruz. Por iso ten asa, se non a tivese seguro que o santo andaría as máis das veces polo chan dada á actividade frenética que se desenvolve na capela ese día

A Ulloa en fotos

Vaia, pensei que o santo era mais grande.
Mellor que teña asa que non có collan polo pescozo para pasarcho por enriba da cabeza, que iso é o que fan co San Lucas de Balboa (é digo por experiencia propia que a min xa mo pasaron en varias ocasións)

Friol

a altura da imaxe non chega aos 25 cm máis ou menos.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.