10 maio 2009

Pazo-Torre de Miraz.

Da primitiva fortaleza só se conserva a torre de homenaxe. Foi un dos solares da liñaxe dos Saavedra, un dos máis antigos de Galicia, pois deles temos noticias desde a Alta Idade Media. Reciben concesión real de Sancho I de León, pola que toman as terras de Parga e o couto de Saavedra. O fundador do castelo de Eirís no couto de Saavedra (Begonte) foi D. Fernán Saavedra.
D. Rodrigo Alonso de Saavedra, pertencente a unha rama dos Saavedra, funda a fortaleza de Miraz no S.XIV. O coto de Miraz, na época de maior esplendor, comprendía os señoríos de Aldai, Torredez, Saavedra, Narla, Liñares, Gaioso, Camoiras, Perrelos, e un pazo na cidade de Lugo. Tiñan lugar de enterramento na igrexa de S. Francisco de Lugo.
No S.XV a propiedade pasa a mans de D. Diego de Andrade, e á súa morte a Constanza de Castro, filla do mariscal Pardo de Cela. En 1507 o couto de Miraz é devolto ós Saavedra, en favor de D. Alonso López de Saavedra. A titularidade dos Saavedra mantense na actualidade.
A torre consérvase en bo estado. Está feita en cantaría granítica regular. É de planta cadrada, mide 9x9 m. de base e 12 m. de altura. Ten dúas plantas, cada unha cunha ventá cadrada de arco rebaixado. O corpo superior ameado está provisto de 6 gárgolas para a saída de augas, tres delas zoomorfas. No lado sur, situado na parte alta, está o escudo de armas, partido en 'palo' e composto de catro cuarteis cos símbolos dos Saavedra (tres faixas xadrezadas), os escaques dos Ulloa, as barras verticais dos Taboada, e unha cruz floreteada dos Ribadeneira. No interior da torre consérvase o arquivo e a biblioteca.
A torre forma parte dun conxunto máis amplo do que falaremos na seguinte entrada.

2 comentarios:

Anónimo

Supoño que o pazo do que se fai mención na cidade de Lugo será o actual Pazo da Mazá.
Por outro lado a igrexa de San Francisco, fará referencia á actual igrexa de san Pedro.

Naralliensis

Sí, a igrexa de San Francisco é hoxe de San Pedro. O pazo dos Saavedra está cerca da praza de Pío XII, fronte á fachada principal da catedral. Foi construido no S.XVIII por González Sierra. Nos anos 70 era o mesón Portón do Recanto.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.