20 xuño 2009

O Pazo da Fraga.

Todo o conxunto está composto pola casa vivenda, a capela, edificacións para o servizo caseiro, e o que foi unha antiga escola. Na súa maior parte o pazo é do S.XVIII. Ten dous accesos. Un deles conduce a un atrio que precede á capela. Ten un amplo portalón coroado por dous pináculos de bóla nos extremos e unha cruz no centro. O outro acceso está situado na parte posterior e nun nivel inferior. Forma parte do muro de peche e é de factura semellante.
Todas as construcións delimitan un patio interior en pendente. O pazo ten sillería nas esquinas e nos enmarques dos vans. O resto do paramento é de cachotería, polo que moi probablemente estivo encalado. A planta principal ten catro ventás e o escudo de armas no centro. O edificio remata nunha cornixa moldurada. Unha porta alintelada dá acceso a un pequeno patio de onde parte unha escaleira. A cuberta é lousada a catro augas, e está coroada por unha enorme e sólida cheminea provista de gárgolas e rematada en cornixa e pináculos de bóla. As chemineas eran símbolo de casa poderosa, o que explica o protagonismo que adquiren neste tipo de construcións.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.