27 setembro 2009

San Martiño de Cotá. Toponimia

Doce son os lugares recollidos polo Nomenclátor de Galicia cando falamos da parroquia de San Martiño de Cotá. Destes, xa comentamos Agruñá e Cotá nunha entrada anterior, polo que por non sermos repetitivos , só deixamos o enlace á mesma.
As Casas da Feira fai alusión á actividade feiral que tódolos 18 de mes celebrábase en dito lugar. Feira ( a de Cotá ) de sona polos arredores, tanto polos queixos como polas cabezas de gando equino. Non sabemos da súa antigüidade pero si da súa importancia.
O Coído é seguindo aos dicionarios un lugar cheo de coios, topónimo fundamentalmente de lugares achegados ao mar pero tamén de ribeiras dalgún río, neste caso o Narla.
Dombrollo ten a súa orixe nun Domnus Braulius que, como indica Nicandro Ares, é un nome persoal autóctono. Xa no s. XIV nos documentos da catedral de Lugo faise referencia a Don Broollo como casal da parroquia de Cotá.
Os Lagouzos (lacus + uc (c) eus), que fai referencia á presenza de pequenas lagoas.
A Pena e A Ponte son topónimos nidios.
Portasueiro (porta+ Suarius/ Suerius)“nome persoal de humildade entre cristiáns, relacionado co animal ‘sus’- cocho-“.
A Rexidoira ligado posiblemente un “regere” latino
E por último Silvarredonda de “silva” – selva, silveira, aínda que máis ben co concepto de bosque-- “rotunda” – redonda ou ben dabondo intrincada e mesta.

2 comentarios:

Anónimo

Na Silvarredonda , había unha capela ma que tiñan unha imaxe do San Cibrán, imaxe que se atopa hoxe na igrexa parroquial de Serén.

Chousa da Alcandra

Fermoso e lozano luce ese hórreo da Casa de Rosende que ilustra esta vosa entrada. Ainda que de tan so tres claros resulta moi destacable a traballada cantería do penal que se pode observar na foto.
Vese ben ubicado e altivo, como corresponde a un exemplar tan magnífico.

Apertas dende a Ulloa que xa saúda ó outono

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.