04 outubro 2009

O San Froilán e Friol.

Xa fixemos mención de Hixinio Fernández de la Vega, notario outrora, do concello de Friol. Pois ben, a súa fina pluma, a súa ironía, quedou reflectida en numerosas composicións, unha das cales aparece na entrada á que facemos alusión.
Aproveitamos estes días de festa no veciño concello de Lugo, para publicar unhas reflexións do citado autor, sobre o San Froilán celebrado alá polo ano 1.889.
Pensemos que estas feiras, das que temos a certeza da súa celebración, como mínimo dende o século XVII; significaron un punto de atracción para toda a provincia para aparte da festa propiamente dita, realizar transaccións na feira do cinco, Feira do S. Froilán. De feito, tamén noutra entrada facemos referencia á compra que nestas feiras realizou o Señor da Casa De Fraga ( O Carballo) ("Francisco de Fraga de Friol que compró en un San Froilán de finales del siglo XVIII: dos basos de plata de encaxe e ...una pieza de yndiana que tiene 23 baras y media... otra pieza de cañabate y encarnado de tres quartas de ancho para cortinas de camas y colchón".)
Acompañan esta entrada dúas fotografías publicadas polo diario "El Progreso". A da esquerda correspóndese coa celebración do Domingo das Mozas do ano 1928. A da dereita recolle a celebración do Día dedicado ao Ferrol do ano 1.916
O repaso ás festas que fai H. F. de la Vega leva como título "De Ceca pra Meca" e di así:

Todo n-o mundo en qu'estamos
Ó cabo perde importanza.
Desmorónans' os castelos,
véñense á terr'as murallas,
e pobos antes con xente
de repente com'as pámpas
d'aló d'Asia, ou os desertos
d'esterel y-ardente Africa,
veñen ô fin á quedar
humilland' a súa arrogancia;
mais ¿a qué ven, me dirán,
á que ven tanta palabra?
Pois moi xinxelo, á dicir
qu'as festas tamen s'acaban.
Ó barullo atroador
d'a xente, ô rosmar da gaita,
ô estouro d'as bombas riales
que se queimaron n-a Praza,
ô fin, dempois d'unhos días,
a soceder ven a calma,
e todo volve á poñerse
en órde n-as nosas casas,
sen mais secoencia s'acaso
qu'a indixestión agarrada
comedo pulpo cal solen,
n-esta festa, á caldeiradas.
Unha revista d'as festas
eu ben quixer amañala,
mais non me dou tanto xeito,
non me due dios tanta gracia;
asi,pois, nosos leutores
esta lêrán, boa ou mala.
D'os fogos nad'hei dicir
porqu'o non foi â Praza,
ben sintiría, abofellas,
os estonros dend'a casa.
-- e siguindo este sistema,
algún dirá, sin tardanza,
unha revista de festas
amañar logo s'amaña.
música tivemos dúas:
a d'o pobo y a chegada
da' Cruña e que dirixía
o ilustre maestro Braña.
Pr'e qu'a min mais me gustou,
o que me fixo mais gracia,
o que me puxo mais legre,
mais contento qu'unhas páscoas,
foi aquel par de gaiteiros
traguidos de Ribadavia,
que probaron qu'o estromento,
qu'iñorante, algún aldraxa,
o mesmo entóa muiñeiras,
a-la lás e riveiranas,
que pode facer ouvir
anacos d'ópera e danzas.
Moi ben pol-a comisión
qu'acordou traguel-as gaitas,
e moi ben pol-os gaiteiros
d'a vila de Ribadavia
----------------------------
A feira, según se dice
de púbrico, non foi mala,
por mais qu'a xente que había
era bofellas escasa;
Non faltaron, por suposto
o día últemo as maulas,
e pr'elas houbo tamén
n-a feira saida larga.
que nunca falta n-o mundo
quen cargue con certas gangas.
------------------------------
Siguindo sempr'o Casino
as tradicionás usanzas,
a un baileo lus invitou
ôs rapaces e rapazas;
maias según certas noticias,
que teño por moi esautas,
escusar ben escusaron
de dar refrescos âs damas,
pois de tan fresco qu'estivo,
n-o salón todos tembraban.
Un filósofo prefundo
a razón xinxela e crara
D'a ausenza que xa fai tempo
notas'alí d'as rapazas
dab'a certo pisaverde
paseándose n-a muralla,
y-era que, por non comer
pavo moitas receaban
persentárense  n-o baile,
y-á eso eu digo: malhaia,
¿por qué s'esquencen de min
s'hai pavo en-tal abundancia?
porque, s'hei dicir verdá
ese prato ¡Dios me valla!
é dos que mais lle me gustan,
Siñores d'a Xunta... e basta
que pra entender, s'eles queren,
a prosa xa vai ben larga.

Dend'este sitio hei de dar
as mais espresivas grácias
á masa coral que Veiga
dirix'e que serenata
veu dar a esta Redaución
que ll'o agradece n-a y-alma.
estes artistas laureados,
mozos todos antuseastas,
que pouco fai, en París
ganaron unha medalla,
merecen ben d'este chán,
merecen d-a súa patrea,
pol-a groria d'a que loitan
e pr'â que loureiros ganan.
Antes d'acabar aquí
Sex'a últema palabra
pr'o certame, qu'anque foi
a concurrencia algo escasa
pra sel-o primeiro, tivo
esceucional emportanza.
De cén cousas mais poidera
falar, mais por hoxe basta.
Pepe D'as Festas. "A Monteira", 12 de outubro de 1.889

2 comentarios:

A Ulloa en fotos

Vexo que 120 anos despois hai cousas que non cambiaron. O da "indixestión agarrada come(n)do pulpo" segue sendo típica.

Benvidos de novo

Anónimo

E os fogos de artificio estrondosos e a chegada de xente de tódolos lugares...´
A verdade é que son unhas boas festas dunha aldea grande.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.