13 decembro 2009

Carlismo en Friol (II)

Que Friol non quedou á marxe do fenómeno carlista, próbano os datos que imos expoñer a continuación. Polo menos, da primeira e da terceira guerra, hai feitos que así o demostran:
Nesta segunda entrada faremos referencia principal ao informe que D. Juan Martínez Villaverde enviou ao pretendente D. Carlos e asinado en Pallares o 17 de maio de 1836.
Este Martínez Villaverde ( 1774-1843) foi cabeza carlista destacada, chegando a ser o Presidente da Xunta Carlista Superior Gubernativa de Galicia. Era coñecido como “o cura de Freijo” ou “o Arcediano de Mellid”. Morreu pouco despois de rematada a primeira guerra, en Francia.
Pois ben, no documento citado faise referencia ao informe do Corrixidor de Lugo que daba conta de que no Carregal da Rocha, as forzas do arcediago ( “de Melide”) atacaran o 8 de agosto do 1834 ao batallón do Provincial de Pontevedra ( tropas liberais), ao que lle ocasionaran 3 mortos.
Cando cita aos membros da partida ( carlista) que participa nos feitos fai referencia, entre outros, ao presbítero de Vilafiz, D. Bartolomé de Cancela “seductor de varios jóvenes en esta ciudad – Lugo--como preceptor de Gramática” en el colegio (sic)”; a D. José María Ortega, presbítero de S. Martiño de Condes; a D. Antonio Piñeiro, da mesma parroquia e a D. Tomás Corrales de Xiá.
Na prensa lucense—"El Regional” – recóllese que no ano 1836, concretamente o catro de febreiro, ás cinco da tarde, son fusilados “por la espalda” no Campo da Forca , en Lugo, tres veciños das Pardellas (S. Martiño de Condes) por “infidentes reclutadores de gente para la facción”, é dicir como dinamizadores da causa carlista. Os veciños eran José Piñeiro, Juan de la Torre e Pedro Lamela.
Volvendo ao informe do Arcediago, este escribe “… continuamos unidos, seguros que el enemigo nos buscaría y despues de marchas y contramarchas en Enero, Febrero y Marzo por las montañas de Lea, tierra de Ulloa, Amarante, Camba, Taboada, Monterroso, Ferreira de Pallares y tierras de Sobrado venimos a tener tres encuentros con el enemigo(…) y el tercero le sostuvo mi Partida sola, compuesta entonces de doscientos setenta infantes, no todos armados, y cincuenta caballos, el diez y nueve de Marzo ( 1836) desde las nueve de la mañana al anochecer contra mayor fuerza de infantería e igual de caballería que dando principio el combate en San Martín de Condes nos cargó en retirada sostenida por todo aquel día a derecha e izquierda del río Narla pasado y repasado por los puentes Cotá y Villapedre…”
Tamén recolle o informe estas tres últimas anotacións, polo que a nós nos ocupa:
Fala de que Manuel Plateiro sufriu varios rexistros na súa casa de Santiago de Guldriz . “Después de largo arresto y muchos gastos acaba de ser destinado por un año a las Obras Públicas de La Coruña”
Menciona a Jacinta López de Portolamas ( de 66 anos) e ao seu fillo Pedro Roca, como colaboradores aínda que sen pertencer ás partidas ( supoñemos refírese ao Portolamas da parroquia de Anafreita).
E recolle a apertura dun expediente do Alcalde de Vilalba “citando como reos de lesa majestad” a, entre outros ao arcediago e ao Bartolomé da Cancela xa citado, debido a unha incursión dunha partida na parroquia de Árbol – Vilalba--
Como último dato desta primeira revolta diremos que o 19 de xaneiro de 1839, os liberais dan morte, en Friol, ao faccioso Manuel Perdiz. Isto último aparece publicado no xornal antes citado e na páxina web do concello. Evidentemente sería membro dalgunha das partidas , pero non podemos precisar máis.

3 comentarios:

Chousa da Alcandra

Estades que vos saídes.
Moi ben documentado este post. Parabéns.

Carricoba

Grazas polos ánimos.

Carricoba

Tendo novos datos relacionados coa entrada , publicamos brevemente o seguinte:
Faise referencia a D. Bartolomé Cancela, presbítero que foi da parroquia de Santa María de Vilafiz.
Este crego incorporouse ás partidas carlistas, concretamente á do Arcediago de Melide, o 23 de maio de 1834, aportando á gavela a outros compañeiros - citados na entrada -.
No informe elaborado para D. Carlos, feito por D. Juan Manuel Martínez Villaverde, dise, referíndose ao citado Bartolomé que ”en consideración por los servicios hechos por la justa causa lo nombré subteniente”.
Participou no enfrontamento do Carregal – A Rocha-- contra as forzas liberais de Pontevedra do día 8 de agosto do mesmo ano, sendo ferido de gravidade falecendo aos tres días.
Remata o informe que o cura do Freijo fixera dicindo que “tenía valor excesivo y demasiada fogosidad”.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.