18 xaneiro 2010

A Casa do Fidalgo de Prado: un relevo con misterio

Na Casa do Fidalgo figura un relevo que para nós supón unha porta aberta a infinidade de incógnitas. Como xa se mencionou nunha entrada anterior, nun lintel represéntase con toda claridade unha bésta en pedra, de perfil moi marcado, e incluso co detalle da chave ou palanca de disparo (aínda que tamén pode ser unha especie de polea que ía cravada á cureña, e que servía para tensar a corda).
A día de hoxe, non atopamos ningunha referencia bibliográfica a este relevo medieval, pero o crebacabezas iníciase cando consultamos o único dato que fai referencia á Casa do Fidalgo de Prado. Referímonos a "Mostras heráldicas do concello de Friol" de Abel Expósito, no que se describe un escudo que supostamente representa ós Sirgal (ou Silval) de Prado: "unha cruz acompañada de dous leóns rampantes e coroa", do que ademais se di que é de factura medieval e que está moi deteriorado.
De momento, nós vemos claramente un relevo dunha bésta moi ben conservado, o non sabemos a que escudo se refire Expósito, nin tampouco a que alude o relevo que nos ocupa.
As béstas eran armas que se fixeron populares a partir do S.XI. O seu uso declina a partir do S.XVI, cando as armas de fogo, como o arcabuz, se impoñen. Foi unha arma controvertida, pois chocaba cos ideais de valor cabaleiresco. Considerouse arma propia dos covardes, pois permitía matar a distancia atravesando escudos e armaduras, e podía ser manexada por calquera plebeo cun mínimo adestramento (o cal chocaba co enorme investimento que os nobres facían no adestramento das armas). Incluso se consideraba innobre para cazar xabarís, pois o manual do cabaleiro dicía "el caballero no usa trampas ni ballestas" (Alfredo Erias Martínez: "La eterna caza del jabalí". Anuario brigantino. 1999, nº22). Por isto, os besteiros foron repudiados e convertidos en mercenarios de baixa estofa, ós que se trataba sen consideración cando caían prisioneiros.
En 1139, no II Concilio de Letrán, prohíbese o seu uso, e incluso, en representacións antigas aparece en mans do demo. Claro que... feita a lei... feita a trampa. O seu uso prohibíase contra os cristiáns, non contra infieis, e a Península Ibérica estaba en plena Reconquista contra os reinos musulmáns, razón pola cal, o seu uso, lonxe de limitarse, amplíase.
Por todo o exposto... que fai unha bésta nun lugar tan visible e nunha casa que se chama do Fidalgo? Para contestar a isto non nos queda máis remedio que entrar na especulación, como faremos na entrada seguinte.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.