19 xaneiro 2010

Casa do Fidalgo. Prado: conclusión inconclusa.

Como dicíamos na entrada anterior, explicar que fai unha bésta na Casa do Fidalgo, supón especular. Nós pensamos que a Casa do Fidalgo foi a antiga torre de Prado, que como todas as construcións deste xénero, teñen a súa orixe na Idade Media. Enlazando co xa exposto sobre a historia das béstas e o seu controvertido uso, engadiremos que as circunstancias da nosa historia en constantes liortas cos reinos musulmáns, facía que a fin xustificase os medios, e polo tanto as denostadas béstas. E dado que a guerra era un medio de promoción social, a bésta non foi deslexitimizada. Incluso no S.XIII, en Castela, a bésta está documentada en mans da cabaleiría e de mesnadas señoriais. No Victorial ou Crónica de Don Pero Niño, Conde de Buelma, escrito no S. XIV polo seu alférez don Gutiérrez Díaz de Games, descríbense como armas propias dos cabaleiros, a lanza e a espada, a maza, o arco e a bésta.
Moitos fidalgos do norte peninsular teñen a súa orixe neste periodo de Reconquista, polo que a súa orixe é castrense, se ben a súa evolución posterior será administrativa, condición que será herdada polas xeracións futuras cando o compoñente bélico quede relegado. A partir de entón, o fidalgo vai participar activamente na administración local e gozar de privilexios.
Tal vez, neste contexto encaixa a representación da bésta na Casa do Fidalgo, como símbolo dunha orixe que foi preservado por xeracións futuras como unha afastada lembranza.
Por outra banda, e aínda que o relevo en cuestión non é un escudo, a bésta en heráldica é simbolo de intrépido guerreiro, disposto a vencer ou morrer no intento, e aparece en apelidos que evocan a súa orixe ( Ballesteros, Ballester, e en Galicia, no apelido Bonajo, Almoina, Almuiña, Cabo, Somoza, Xaviña: "Simbología y Diseño de la Heráldica Gentilicia Galaica", de Luis Valero de Bernabé y Martín Eugenio).
Tamén os besteiros aparecían con frecuencia relacionados con ordes militares, como a de Santiago, da que sabemos que tivo a súa presencia en Friol (Rocha de Narla: tamén unha casa torre ou torre, como supostamente Casa do Fidalgo). (Por certo, Antonio Prado y Ulloa, señor da casa de Prado, cruzou cabaleiro da Orde de Santiago en 1666, segundo Expósito. Gustaríanos saber máis sobre datas anteriores). A Confraría de besteiros de Santiago estivo moi presente en zonas de Reconquista, como Baeza (Carlos Groizard y Coronado: "Las Milicias locales en la Edad Media)"...... Vale, Baeza quédanos un pouco lonxe... pero postos a especular.
E como última apreciación, quédanos por dicir que na Idade Media, as béstas eran frecuentes nas laudas sepulcrais de besteiros, e tamén como signos lapidarios de canteiros, se ben, ningún destes casos encaixan co particular caso da bésta da Casa do Fidalgo de Prado, onde a entidade do relevo parece gardar outra intencionalidade.
Toda unha historia por concluír.

5 comentarios:

Antonio Martínez

Parabéns por tan fantástico blog. Saúdos desde INICIARTE.

Naralliensis

Gracias e parabéns tamén a ti. Son seguidora do teu blog; porque está ben feito e porque a temática resúltame moi cercana.
Saúdos.

Ana dubra

Home é certo que a casa de fidalgo estivo abandonada pero na actualidade xaq non.De vez en cando imos por alí.

Anónimo

Deberiades cambiar a foto da casa de fidalgo de prado.Agora xa non ten silvas,que traballo nos costou rozalas.

Petapeta

En breve pasaremos por alí. É unha "re- visita" que temos pendente.
Grazas pola información.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.