28 xaneiro 2010

Do Posto á Casa Cuartel.

A creación da Garda Civil, corpo armado creado no ano 1.844, coincide no tempo coa nova división administrativa que determinou o mapa municipal da provincia.
Os dous procesos desenvolvéronse coa lentitude propia dunha sociedade recelosa aos cambios e co necesario período de adaptación que todo cambio xera.
A creación dos “Postos” na Galicia rural foi un proceso que se foi levando de a poucos. Segundo relata a historia do propio corpo "la expansión territorial se produjo a través de etapas que abarcaron el ámbito provincial (cubierto en 1846), de partido ( 1851) y municipal (ya en el siglo XX)".
Concretamente no concello de Friol a fins do XIX , no ano 1898 (véxase "El Regional" de 10 de outubro)  é cando se crea  o Posto da G. Civil  en Friol  segundo Real Orde, xunto cos de Antas, Cervo, Outeiro, Cospeito , O Incio, Láncara, Navia, Pantón, Taboada, Portomarín e Taboada.
Habilítase unha vivenda, que co paso dos anos e abandono do propio Corpo, pasa a ser destinado, polos seus propietarios actuais, como establecemento de hostalería que mantén no seu rótulo o "Cuartel Vello " como reflexo do uso dos locais en tempos pretéritos.
Dada a precariedade das citadas instalacións, iniciada a Guerra Civil , xa no mesmo 1936, o alcalde Segismundo Grande ( substituto do represaliado J. González Rosón) , e a corporación municipal, acordan en sesión con carácter urxente o día 1 de agosto do citado ano, "que siendo imprescindible realizar el traslado de la Casa cuartel de la Guardia civil a la mayor brevedad, por exigirlo así apremiantes necesidades del servicio, a locales adecuados y convenientes, capaces para siete números, con sus respectivas familias del benemérito Instituto, que constituyen el puesto de este término, se abra concurso... entre propietarios de fincas urbanas con estricta sujeción  a las siguientes condiciones". Aquí recóllense unha serie de requisitos que han de cumprir aqueles interesados en participar no concurso que establece como  prezo máximo do aluguer en "1.850 pesetas, pagaderas por trimestres vencidos".
Así é como o Posto trasládase ás novas dependencias  habilitadas no propio Campo da Feira, na casa pegada á que hoxe coñecemos como casa de Andón ( posterior alcalde do concello). Este edificio foi ocupado pola Benemérita ata o 1.956, ano no que se construíu a Casa-Cuartel que todos coñecemos na actualidade.
O antigo cuartel do Campo da Feira foi destinado posteriormente como escola, ata a creación da Agrupación Escolar, e aínda se seguiu utilizando coa mesma finalidade ata ben entrados os anos 70.
A inauguración do novo Cuartel, foi realizada o día da patroa do corpo, 12 de outubro, coa consabida misa e procesión, á que asistiron as autoridades civís e militares do momento, acompañados por algunha que outra dama  local, tocada coa clásica mantilla española.
As imaxes que achegamos ( propiedade de Elena Moreno) indican ben ás claras o aire que se respiraba neses anos duros de miseria e ditadura. Unhas fotos en branco e negro que co fondo gris do álbum que as acolle queren ser reflexo da tonalidade predominante naqueles anos.

1 comentarios:

A Ulloa en fotos

Impresionante a foto da procesión da bandeira!

Moi boa.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.