30 xaneiro 2010

Dos raposos...

A fin de semana pasada, no concello de Portomarín, levouse a cabo unha batida de raposos. A asociación ecoloxista ADEGA, vén de denunciar que estas cacerías carecen de rigor científico e afirman que a necesidade destas batidas por un exceso de poboación do citado animal, non é tal. Por outra banda sinalan que botarlle a culpa da escaseza doutras pezas de caza ao raposo é infundada.
Por outra parte os ecoloxistas denuncian tamén a celebración  da "V Copa de España de Caza do Raposo "V Copa de España de Caza do Raposo" no mesmo concello, a celebrar esta fin de semana.
Nós aproveitando que o Miño pasa por Portomarín, publicamos aqui dous contos relacionados cos raposos.
Sen lugar a dúbidas, é o animal que máis aparece nos nosos contos tradicionais, unha boa mostra é o libro de Antonio Reigosa "Memorias dun raposo" no que de xeito novelado pega un repaso á todas as historias nas que o raposo fai acto de presenza.
Este primeiro conto foi recollido por Patricia Marqués na Hedreira, Condes. Contoullo o seu avó.
"Había unha vez un raposo que colleu unha pita polo rabo con ganas de darse unha boa panzada, pero a pita escapoulle ao bo do raposo e a este quedáronlle na boca algunha das plumas da ave.
O raposo dicíalle á pita:
-- Ai cabeciña louca, volve pola túa roupa !
Ao que a pita respondíalle:
-- Non volvo, non , que Deus hame dar outra!
Estoutro foi recollido por Luís Pena na Agruñá, Cotá, e foille contado polo seu pai. Di así:
" Hai moitos anos, chegou un raposo a unha aldea en busca dalgunha galiña ou un galo co que matar a fame. Achegouse a un galiñeiro e o galo que estaba vixiando avisou ás galiñas para que se agochasen antes de chegar o raposo. Así o fixeron , pero o galo non tivo tempo de facelo e empezou a convencer no raposo para que non o comese.
-- Non ves que estou moi fraco. Se viñeses polo  tempo do millo novo estaríache mellor mantido.
O raposo deixouse convencer e contestoulle:
--Pois vale, convencíchesme. Hei vir no mes de outono. Dime por quen hei preguntar cando chegue.
--Pregunta por Coidado -- dixo o galo--
E así foi; pasou o tempo e acordou o raposo do trato que fixera co galo e alá marchou outra vez.
Cando chegou, novamente o galo deu avisado ás galiñas para que se escondesen, e el tivo tempo de subirse a un poleiro ben alto para esperar a chegada do raposo. Este ao chegar chamou:
-- Ei Coidado !
O galo desde o poleiro contestoulle:
-- Xa cho teño.

1 comentarios:

Mª José

Muy buenos los cuentos que nos dejas y es qe ya se sabe el raposo es listo pero a veces las gallinas lo son más.

Bueno, que estoy totalment en contra de esas batidas y no digamos de esa qinta copa de España ... nos quejaremos después de que se extingan especies.

Gracias por la entrada

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.