01 febreiro 2010

Cruceiro de Anxeriz.

Este cruceiro de factura case idéntica ó da anterior entrada, está situado fronte á igrexa de Santa María de Anxeriz. De feito, a descrición dada para o cruceiro de Ferreira é válida para este. Parece unha copia na que só se advirten diferenzas nunha análise detallada. Desde logo está mellor conservado, pero a factura, o estilo e a iconografía, son os mesmos. Aparentemente o fuste, que está inclinado, parece máis fino que o de Ferreira. O capitel é case idéntico: a única diferenza apreciable é a moldura superior ondulada, na que os óvalos cóncavos non son tan nítidos. A Piedade presenta a mesma composición, se ben a talla é un pouco máis tosca e elimina os detalles en zig-zag que decoraban a saia da Piedade de Ferreira. Tamén desaparece algún detalle anatómico, como as costelas marcadas do Cristo que aparecían no anterior cruceiro.
O cruceiro de Anxeriz está datado en 1766, é dicir, 34 anos despois do cruceiro de Ferreira. A partir de aquí podemos establecer varias hipóteses: foi feito polo mesmo autor máis de trinta anos despois; foi feito pola mesma escola de canteiros ou por algún discípulo, ou sinxelamente é unha copia. En calquera caso son bos exemplos para comprender a evolución deste tipo de creacións, e como os canteiros reinterpretaban o léxico arquitectónico clásico ata converter un capitel nunha forma case esférica de libre creación.

2 comentarios:

A Ulloa en fotos

Moi interesante a base "case esférica". Sabes que este tipo de bases son as menos empregadas nos cruceiros con imaxes??. Normalmente empréganse nos calvarios ou nos via crucis.

Algalia

Efectivamente. Por certo, seguín con moito interese as túas publiacións sobre os cruceiros (Alvidrón, por ex.). Creo que aínda está pendiente un estudo a fondo dos cruceiros. E xa que estamos, onde consultaches tantas fotos de tipoloxías distintas de cruceiros?

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.