28 febreiro 2010

Friol 1936-1939: novas testemuñas da guerra.

Dona Concepción Fraga Gómez (na fotografía esquerda), da parroquia de Condes, está a piques de cumprir 103 anos. Son moitos anos vividos, moitas vivencias acumuladas, e moita sabedoría almacenada... demasiada como para non escoitala. En certa ocasión, un historiador dicía que a información oral aportada polos maiores, era moito máis rica cando eran as mulleres as informantes: "cóntano moito mellor, teñen máis memoria e gardan máis cousas". Por iso, Dona Concepción é unha biblioteca vivinte a ter en conta. Só falta alguén interesado en abrir esa valiosa porta. Por sorte, unha alumna de 4º de ESO de Friol, Lucía García Fraga, acudiu a ela para que lle contase as súas vivencias nos dramáticos anos da guerra civil. Dona Concepción é tía da avoa de Lucía.
Como todos os que viviron a época, lembra a fame como compañeira inseparable. A ración mensual apenas superaba o litro de leite e un quilo de azucre. Pero incluso isto, a base de ser rutineiro, acaba por ser superado e esquecido. O que nunca se esquece son as sacudidas emocionais. Así lle pasou a Dona Concepción, que sufriu a morte do seu irmán, Julio Fraga Gómez (na fotografía) cando xa a guerra estaba rematando. Julio estaba aprendendo o oficio de zapateiro en Friol cando foi chamado a filas. Como moitos lugueses foi enviado a Teruel, onde lle encomendan unha dolorosa labor: tirar mortos a unha foxa. Por ironías do destino, alí dáse de bruzos coa morte, ao ser sorprendido por un tiro do bando contrario que lle impacta na cabeza.
Dona Concepción rememora con rabia toda a dor sofrida e nunca completamente cicatrizada. En certa ocasión, ve na televisión como abrían foxas da guerra civil, mentres unha muller contaba que alí había un home cun tiro na cabeza. Desde entón, segue pensando que aquel home era Julio Fraga Gómez.
Outro irmán seu, Constante, tamén pasou pola guerra, pero tivo máis sorte. É enviado a Teruel, onde é ferido por unha bala que lle atravesou o pé, e outra bala que impactou no brazo arrincándolle a pel. Enviárono ao hospital de Santiago. Ao curar, casou e, como moitos, tivo que aprender a vivir coa lembranza do horror. Hai 13 anos que morreu.
Agradecemos a Lucía García e a Dona Concepción esta testemuña e as fotografías que amosamos.

4 comentarios:

A Ulloa en fotos

É curioso que sempre se diga que en Galicia poucos morreron na Guerra Civil.

¿Cando saberemos cantos galegos morreron? Cando a memoria dos maiores se esgote ¿quen lembrará os nomes dos mortos?

Parabens a Lucía García, recoller as lembranzas de Dona Concepción é impagable.

Friol

E non só os que morreron fisicamente... cantos morreron en vida?

Álvaro do Sixto

Sensacional laboura a de recoller a sabedoría que só os anos poden imprimir nunha persoa. Emocionante historia digna de ser rescatada. A xente estivo calada moito tempo, comprensible polo temor infundido neses anos negros da nosa historia.

Algalia

Mágoa de todo o que saben e non contan. Atopámonos con moita resistencia a falar, moitas piruetas argumentais nos discursos para eludir certos temas, e moitos tabús. Asuntos que darían moito de sí e aportarían moita luz, e dos que só se fala subrepticiamente. Temos datos dos que podemos intuir cousas, pero non contrastar. Ninguén fala claro dos feitos, aínda que, claramente... todos-as falan desde a perspectiva do medo e do shock.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.