17 febreiro 2010

O Desastre do 98: De Friol a Cuba

No segundo semestre do ano 1.898 rematado o conflito bélico na illa de Cuba , comeza o proceso de repatriación dunhas tropas dezmadas pola fame e as enfermidades.
Non imos entrar nos detalles dos feitos, pódese consultar este enlace para o mesmo, pero o que si imos facer é mención da presenza friolesa na guerra e da súa posterior repatriación.
Funcionaba naqueles tempos o sistema de quintas para cumprir coa obrigatoriedade do Servizo militar : un de cada cinco varóns víase na obriga de pasar unha longa tempada servindo no exército. Isto supuña nas familias unha eiva económica importante: por un lado perdíase uns brazos para o traballo e pola outra xeraba uns gastos extra que minguaban a economía doméstica.
Dada a situación económica , no concello de Friol—e non era a excepción—a cantidade de mozos declarados prófugos non era pequena.
Ao existir a posibilidade de aboar ou buscar substituto non querendo ir ao Servizo, está claro que as clases acomodadas buscaban solución pagando a un substituto que atopaban facilmente nas clases máis necesitadas.
Se hoxe observamos a presenza importante de inmigrantes dentro do exército, naqueles tempos eran os máis pobres os que facían as guerras.
Por suposto, había tamén aqueles que decidían facer do militar a súa carreira; os chamados militares de academia; pero estes pertencían xa, a outro estrato social máis elevado.
Friol sufriu, non podía ser de outro xeito, este Desastre nos seus fillos.
Así , en plena guerra, o 13 de outubro de 1897, falece en Cuba o sarxento do Batallón de Vergara, Ángel Gayoso Pardo, nacido nas Camoiras, parroquia de Vilalvite, cortando así, unha carreira militar acabada de iniciar.
Por outra parte , rematado o conflito - e pertencentes aos chamados repatriados chegan a Lugo, vía A Coruña, Tomás Mariño López e Manuel Castro Incógnito --o segundo de S. Martiño de Condes-- que despois de ser atendidos no hospital de S. Juan de Dios, --- hoxe igrexa de S. Froilán-- como con todos os repatriados, foron “agasallados” con viño, caldo e axudas para poder regresar aos seus domicilios familiares.
Seguramente o que contaron zumegaría tristeza; aínda que unha vez na casa e na distancia, as penurias que seguro pasaron fóronlles transmitidas aos netos a xeito de fazañas, para adozar a amargura do que supuxo unha longa travesía a ningures.

2 comentarios:

A Ulloa en fotos

Unha pregunta: ¿os datos dos repatriados e dos mortos aparecen en algures ou ou é información recollida por ti?

Friol

Estes datos en concreto están recollidos de xornais da época editados en Lugo. Neste caso a fonte de información son os números do xornal "El Regional" do ano 1897 e 1898.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.