07 marzo 2010

Friol na emigración: Portugalete.

As fotos que amosamos foron facilitadas pola alumna Nuria Frías Cobas, que cursa 2º de Eso en Friol. Á esquerda aparece un familiar do seu pai, que buscou na emigración unha segunda oportunidade. Neste caso, o destino é Portugalete, onde había unha comunidade de friolenses. Tamén o avó de Nuria, Antonio Frías Vila (fotografía dereita) tomou o mesmo rumbo. Na fotografía, de 1955, Antonio está en Villa Sanjurjo, en Melilla, cando facía o servizo militar. Emigrou a Portugalete en 1968 para traballar na fundición de ferro. Alí estivo 23 anos.
A comunidade da diáspora galega en Bilbao, era xa potente a principios do S.XX. De feito, un dos centros galegos da diáspora máis antigos é o de Barakaldo, fundado en 1901 (o máis antigo é o de Montevideo, fundado en 1879). En 1960 xa había 14.539 galegos na ría de Bilbao.
A foto esquerda, de inicios dos anos 70, chamounos a atención por ese contorno urbano a medio facer. Os problemas da falta da vivenda para albergar a unha man de obra que acudía en masa á área do Gran Bilbao, foi estudada por José Antonio Pérez Pérez ("El problema de la vivienda en Vizcaya bajo el franquismo". Universidad del País Vasco). Segundo o citado autor, só en Portugalete, a densidade de poboación duplicouse cada 10 anos desde os anos 50 aos 70, o que fixo aumentar a demanda inmobiliaria, pero tamén a especulación. Isto desencadeou un proceso urbanizador baseado en termos de xerarquización social e económica, dando lugar á aparición de barrios construídos sobre terreos inadecuados, construcións deficientes, e á degradación do contorno. O franquismo intentou paliar a escaseza de vivendas mediante a construción subvencionada (vivendas de protección oficial). Ata xa avanzada a década dos 70, esta dificultade para acceder a unha vivenda digna é unha constante.
Para toda a comunidade friolense que permanece fóra, ofrecémoslle un paseo virtual por Friol para curar saudades. (Premede sobre a foto e co rato podedes desprazarvos. O percorrido iníciase á entrada de Friol á altura do CPI Dr. López Suárez).

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.