23 abril 2010

Celestino Fernández de la Vega e Cervantes

Aproveitando que se celebra o "Día do Libro" traemos aquí unhas palabras de Celestino relacionadas con Cervantes, recollidas no seu ensaio "O segredo do humor".Como todo o que escribiu este filósofo friolés, dá que pensar.
Indica que Cervantes foi o primeiro e máis xenial dos humoristas e na súa análise da obra cervantina dinos:
"Así é todo o Quijote: Cervantes sempre nos está advertindo, cun aceno cara ó outro lado, que non debemos rir nin chorar, senón comprender e sorrir. E sobre todo non nos podemos rir de don Quijote, non nos podemos sentir desvencellados del, porque pode suceder que o noso riso sexa necio e que nós mesmos sexamos uns quixotes máis ou menos nobres. Porque despois de todo ¿quen sabe o que é verdade e o que é mentira?, ¿quen ten un patrón infalible e absoluto para medi-la realidade e a verdade?. O xogo de subxectivimos e relatividades é constante (...). Sancho non se opón a don Quijote; non é un cordo enfrontado cun tolo: é tan tolo, ou tan cordo, como o seu señor".
"Endexamais se coñeceu, antes de Cervantes, unha tal ambigüidade expresiva, unha tal multivocidade, unha tal riqueza de cruces de sensos e contrasensos. Por iso se puido preguntar repetidamente polo segredo, polo modo de ser do propio Cervantes (...). Era, nin máis nin menos, un humorista, un home sereno e comprensivo que (...) tiña a capacidade de ve-las cousas por moitos lados e en consecuencia, tivo que descubrir un novo método literario, creador: a ironía obxectivizadora."
Bo momento para reler as dúas obras o "Quijote" e o "Segredo do humor".
A ilustración está tomada da edición do Quijote feita por Saturnino Calleja no ano 1905

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.