08 abril 2010

A Cova da Serpe ( outra versión)

A riqueza de matices nos relatos, é unha das características básicas da literatura de tradición oral. Mantendo o fío argumental, a ampla gama de detalles e adxectivos que poden aparecer na narración, fai que estas historias adquiran diferente carga emocional dependendo do sentimento co que o informante relate o sucedido.
No ano 1.967, D. Vicente Devesa Jul, publicou no diario "El Progreso" o 6 de agosto, unha variante da coñecida Cova da Serpe.Reproducímola a continuación, indicando que fixemos unha pequena adaptación do texto, sen modificar o sentido da lenda.
"Vivían hai moitos anos uns señores con moito poder e riqueza, que eran os donos da fortaleza. Din que cando o Señor da Torre chamaba a calquera para que fose velo , non era para cousa boa; se non accedía ao que lle pedía , que podían ser fanegas de pan de renda ou outra obriga parecida, que o tiraba a un pozo e que alí morría sen que ninguén o soubese.
Estes señores da Torre tiñan unha filla moi ben feita, recatada, xeitosa, boa, que lle chamaban Relinda. En certa ocasión , encontrándose de caza un aposto mozo, labrego el, cadroulle pasar por diante do Castelo, no momento en que a garrida rapaza se asomaba a unha das ventás. O galán saudouna con moito donaire e emprendeu a conversa con ela. Despois dunha longa parola, quedaron citados para se veren en días vindeiros, cumprindo as súas citas. Chegou a tal punto o asunto, que se namoraron perdidamente un do outro. Sabedor o Señor da Torre dos tales amoríos, privoulle á súa filla de saír ás ventás, para que non puidese parolar co descoñecido galán, xa que segundo estaba informado, non era do avoengo do tal señor. 'Destonces' vendo como se poñían as cousas, entre os dous rapaces, acordaron de se escapar, e para levar a fuga a cabo, viría o rapaz unha mañá de madrugada dacabalo e ela estaría preparada para saír. Así o acordaron e así o fixeron. Unha mañá cediño apareceu o galán motado nun bravo cabalo, e collendo á moza, púxoa diante súa e fuxiu; mais ao darse conta o pai da rapaza, mandou a varios criados a perseguir ós fuxitivos. Estes galoparon polos termos de Ramelle, Roimil e Anafreita, co fin de pasar a serra e meterse na provincia da Coruña, pero, véndose alcanzados polos perseguidores, e xa no alto do monte, metéronse nunha cova que viron debaixo dunha pena , deixando á besta na boca da cova. Ó meterse máis para adentro, atopáronse cunha gran serpe ou cobra que coa boca aberta trataba de os degolar; mais o rapaz era moi valente, quitando un coitelo de dous fíos, emprendeu a loita coa tal cobra, dándolle morte, pero o pobre do rapaz tamén morreu ao pé dela, e a moza que tal cousa viu, quedou desmaiada. Nestes intres chegaron os que viñan no seu seguimento e entraron na cova , encontrándose con aquel cadro de dor. Trouxeron á rapaza para o castelo de San Paio de Narla , e axiña que lle volveu o sentido, pediulle ao seu pai que lle trouxeran o galán para o enterrar nos termos da súa casa. Así o fixeron e, aos poucos días, morreu tamén a pobre da mociña de sentemento, e seu pai ao ver tal cousa, mandou que a enterrasen ao lado do pobre mozo.
Desde entonces aquel monte leva o nome de Cova da Serpe."

2 comentarios:

Carricoba

Inicialmente pensamos que o nome da rapaza "Relinda" máis ben se debía a un erro topográfico, pero agora dubidmos do feito posto que efectivamente no santoral católico hai unha santa Relinda( 17 de agosto é a súa festa) , nome de orixe xermánica que viría a significar "aquela que dá consellos suaves".

Friol

Hoxe puidemos constatar que na zona,cando menos, houbo outra Relinda: Unha das irmás maiores de Celestino Fernández de la Vega levaba este nome.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.