28 abril 2010

Historia dunha cruz de pedra na Porreira


Hai tempo liamos no xornal provincial "El Regional" a noticia dun triste suceso ocorrido na Porreira, parroquia de Narla. Recollía, a mesma, un desgraciado accidente que provocou o falecemento dun rapaz de 18 anos : Celestino Ferreiro Yáñez. "...hallábase éste manipulando un revólver viejo , sistema Smit, cargado con dos cápsulas"... (sempre a afección ás armas !), disparouse impensadamente producíndolle a morte ao citado rapaz.
Este luns achegámonos á Porreira na procura dunha casa da que xa falaremos no seu momento. Cando chegamos á aldea chamounos a atención unha grande e robusta cruz de pedra chantada nun pedestal e axustada ao mesmo con pequenas calzas de ferro.
Por curiosidade, petamos na porta dunha casa que resultou ser a casa ( nova), que sería, a do infausto Celestino.
A súa "sobriña-neta" Josefa --85 anos-- relatounos a orixe da cruz e o motivo, que segundo ela, era debida a "unha disgracia". Sen dar máis datos. Contou tamén como a morte orixinara a colocación da citada cruz. Cruz que foi labrada por un veciño da Bouza de Arriba, que era canteiro.
Lembra a boa da Sra Josefa como, sendo ela moi nena, tiña noción de ser testemuña do fatal accidente. Tan nena como que o feito ocorreu o 14 de outubro de 1928; ela pola tanto sería unha meniña. Pero o impacto foi tal, que lembra o suceso con claridade nidia; se cadra , produto das innumerables veces que o seu pai relataría, nas longas noites de inverno ao carón da lareira, o sucedido. " Caeu , onde está cruz, e aínda estivo tempo alí tirado" --evidentemente na espera de que chegase o xuíz.
Contounos, asemade, como xa se achegaran en tempos recentes, individuos coa intención de mercar a citada cruz, pero " o meu papá nunca a quixo vender, nin eu penso facelo. Non sei os fillos".
A casa é a de Francisco da Porreira, a conversa ben agradable, e a cruz lembra unha desgraza coa forza da pedra que foi labrada, e disposta a dar testemuña pétrea dun feito que, de seguro, marcou a vida na aldea durante longo tempo.
Xa por último, tamén indicou, cargando de valor a testemuña e valor da ofrenda, como noutrora había máis cruces polo monte " pero como eran de madeira --por razóns diversas-- foron desaparecendo". Citou como exemplo, unha no monte, coñecida como a Cruz do Luís.
Hemeroteca e memoria viva cruzáronse no noso camiño e do feito deixamos constancia.
A noticia apareceu publicada o 19 de outubro de 1928.

2 comentarios:

A Ulloa en fotos

Que interesante o das cruces de madeira no monte! Non sei se iso pasaba na Ulloa pero si teño constancia de cruceiros que están postos en lugares de morte.

Friol

Nos Ancares, comentáballo o outro día a miña compañeira de blog, había castiñeiros cheos de pequenas cruces de madeira, normalmente nas encrucilladas.
Seguro que como sinalización cristiá de sucesos como o que aquí comentamos non sería raro que as colocasen. De feito a informante comentou dalgunha outra hoxe desparecida.
Seguro que pola Ulloa haberíaas tamén.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.