07 abril 2010

A iconografía feminina do altar maior de Santiago de Miraz.

Como comprobaredes, nas igrexas galegas hai case sempre un reparto equitativo nas tarefas de santos e de santas, e polo tanto un equilibrio notorio nas súas representacións e devocións. A igrexa de Miraz é un exemplo: o seu retablo (desde unha óptica sacra e máxica no devocionario popular) mostra un reparto sen discusión.
A Virxe do Carme ocupa a fornela central, desprazando ao santo titular (Santiago) dunha visión privilexiada. A súa devoción en Galicia é tardía, do S. XVIII, pero irrompe con tanta forza que só nese século talláronse máis de 500 imaxes (Ferro Ruibal. Diccionario dos nomes galegos. "Ir Indo". Páxina 188). Era habitual que estes cultos de recente implantación foran introducidos pola iniciativa privada, case sempre polos señores que dominaban a zona. Probablemente foron os señores de Miraz os responsables en darlle protagonismo á Virxe do Carme. Trátase dunha imaxe de vestir característica do S. XVIII, ataviada con complementos reais (coroas, pendentes, cadea ao pescozo con crucifixo...). Segue a iconografía habitual nunha das súas variantes (hai tres tipoloxías): vestida co hábito carmelitano de cor marrón, no que figura bordado o escudo da Orde (cruz, monte e nube, alusivos á súa aparición no monte Carmelo), e facendo entrega dos escapularios (en alusión a Simón Stock), nun dos cales tamén aparece representado o escudo da Orde. O escapulario significaba a salvación eterna para quen o recibía. Por iso, o culto á Virxe do Carme vincúlase coa salvación das almas do purgatorio. O vestiario complétase cunha capa branca. A Virxe segue o modelo prototípico do momento: aparece moi nova, co Neno no seu brazo esquerdo, coa cabeza ladeada, fronte despexada e xesto amable.
Santa Águeda está situada na fornela dereita. Foi virxe mártir no S. III en Catania (Sicilia). O prefecto Quintiliano quixo seducila, pero ó ser rexeitado métea nun bordel durante 30 días. Milagrosamente conserva a virxindade. Despois é sometida a tortura e esnaquízanlle os peitos, sendo conducida ao calabozo. Alí apareceselle San Pedro e cúraa. Finalmente é condenada a morte sendo carbonizada.
A Santa Águeda de Miraz aparece cos seus atributos habituais: a palma do martirio na man dereita e un prato cos peitos cortados. Leva a cabeza descuberta, como as doncelas. Viste acorde á súa condición, pois segundo a tradición, Santa Águeda proviña dunha familia ilustre.
A nós parécenos da mesma época que o retablo (1º terzo do S. XVIII): os pregamentos da roupa e as pronunciadas ondas da caída das teas, son típicos da época, como tamén son típicos os gusto polas liñas diagonais, a policromía (azuis, vermellos, os estampados da sobresaia, os reberetes dourados...) e o rostro rosáceo, de marcada carnosidade e con mística expresión.
Popularmente, a Santa Águeda se lle recoñecían propiedades curativas relacionadas con afeccións mamarias.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.