15 maio 2010

Desinterese pola conservación do patrimonio

Líamos nun Progreso do ano 1976 un artigo que, co título "¿Dónde está la virgen románica de Cerdeiras, Begonte?", falaba da desaparición dunha talla da citada igrexa e deixaba entrever cales podían ser as causas, e implicacións.  
Neses anos, empezaba a ser frecuente o feito de iren desaparecendo misteriosamente, ás veces, e noutros casos sen tanto misterio, pezas de valor do patrimonio histórico-artístico das parroquias rurais da nosa provincia.
Vén isto a conto, porque observamos como a fonte do S. Benito, no Carballo, cada ano está máis abandonada, ás imaxes remitímonos, e dentro de pouco, de seguirmos así, haberá o recordo dunha fonte e pouco máis. Xa a fins dos anos setenta, segundo as nosas informacións, sufriu o primeiro atentado á súa singularidade, ao serlle roubada a imaxe que na fornela—hoxe baleira—había do santo.
Mentres, en semellante situación de illamento, a parroquia de Baldomar, tamén en Begonte, pode presumir dunha fonte (fotografía da dereita) coa mesma bieita advocación, pero máis coidada, coa súa imaxe ben blindada por unha forte reixa e nun estado de conservación que , moi ao noso pesar, xera envexa.
E falamos dunha fonte, pero podiamos seguir. Non en van, contemplamos todos os días o deterioro progresivo da Torre de Friol, da que ninguén parece querer saber nada.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.