14 maio 2010

Lupus Cantor. Lopo Xograr

Estamos no mes das Letras Galegas e aproveitamos para publicar esta entrada que con elas ten que ver.
Días atrás Higinio M.F. de la Vega , fixo mención de pasada, dun artigo de Álvaro Cunqueiro no que falaba dun posible xograr de orixe friolesa.
Fomos directamente ao libro que recolle os traballos de Filgueira Valverde sobre lírica medieval, e, efectivamente, atopamos unha referencia a este Lupus Cantor.
Na páxina 48 di : “Anotemos, aínda que a identificación poida ser discutida que en documentos de Lugo aparece un Lupus Suari Cantor en 1191, simplemente Lupus Cantor en 1204, Lupus Cantor luc. en 1251. As datas poden coincidir coas da vida daquel xograr que dizían Lopo e citolava mal e cantaba peyor,que foi obxecto de tantas mofas na corte de San Fernando. Un San Lauter, santuario das súas cantigas está en Friol (Lugo) . Así e todo, as subscricións citadas poderían razoablemente atribuírse, non ó escarnecido xograr , senón a un homónimo chantre catedralicio".
As referencias documentais que cita son os Arquivos do s. XIII, da Catedral de Lugo e o San Lauter sería o Santo Eutelo de Miraz.
Na “Escolma da poesía galega” publicada por Álvarez Blázquez, no tomo I, facendo referencia a Filgueira Valverde, cita a Lopo, do que indica que viviu na corte do rei Fernando III , O Santo e que estivo presente na conquista de Xaén . Indica que sufriu as burlas de D. Martín Soares que "lle dedicou catro cantigas de maldicer, polo mal que tanguía e cantaba". Facía mención este portugués a que Lopo recibía dons para que non ‘citolase’ , e logo ao encertar o canto , recibía outros dons para que deixase de facelo.
Nunha recente publicación de César Domínguez sobre a lírica medieval do territorio de Lugo, non aparece mencionado o citado Lopo , ou Lupus Cantor; nin na bibliografía aparecen Filgueira nin a Escolma de Blázquez.
Nós, nin entramos nin saímos, deixamos constancia dos datos que atopamos e como remate unha das cantigas de amigo deste Lopo xograr na que fai referencia ao San Lauter:

--Filha, se gradoedes,
dizede que avedes.
--Non mi dan amores vagar.
Filha, se ben ajades,
dizede, non mençades.
--Non mi dan amores vagar
--Dizedes, pois vos mando,
por que ides chorando.
--Non mi dan amores vagar.
--Per San Leuter vos digo:
cuidand’en meu amigo.
--Non mi dan amores vagar. (1)

(1) Recollida do libro de Alexandre Pinheiro Torres: Antologia da poesia trovadoresca galego-portuguesa

1 comentarios:

Anónimo

Higinio De la Vega achéganos o seguinte comentario:
"Afonso IX de León ( VIII de Galicia ) amou e gobernou Galicia con acerto, segundo se dí na Gran Enciclopedia Galega.
Tivo un longo reinado, de 1188 a 1230, durante o cal visitou a gran maioría das poboacións dos dous reinos. Morreu en Sarria no ano 1230 vítima dunha grave enfermidade, que lle ocorreu cando peregrinaba a Compostela para da-las grazas pola reconquista de Mérida. Foi enterrado na catedral de Santiago xunto ó seu pai.
Afonso IX mantivo á raia a nobreza, suprimindo o título de Conde e dispuxo que os gobernos deixasen de ser vitalicios e hereditarios , así como que os xuíces recibisen agasallos, restablecendo antigas penas- moi crueis en moitos casos- no suposto de incumprimento das leis. Favoreceu á Igrexa. E este é, creo eu, o motivo da súa estancia en San Martiño de Condes, para poñer orde, e que quedase claro ós veciños a quen tiñan que pagar as rendas e para que tivese o Bispo unha acreditación envía unha carta dende San Martiño de Condes á cidade de Lugo o día 14 de abril de 1225 ordenando " que todos os veciños fosen vasallos de Bispo e non puidesen recoñocer outro señor, pena de non vivir na cidade e de secuestrarsele todos os bens"
Por outra banda Afonso IX, segundo a nomeada Enciclopedia Galega, impulsou a lírica do seu tempo e rodeouse dos mellores trobadores, músicos e xograres, sobre os cales exerceu o mecenado. Parece ser que a súa capela particular interpretaba a mellor música sacra da súa época.
Polo tanto non resulta estrano que estando activo o Lupus friolés durante o reinado de Afonso IX estivese baixo o seu patrocinio. Tamén sería normal que á morte de Afonso IX continuase baixo a protección do seu fillo Fernando III, O Santo, rei de Castilla (1217-1252) y de León (1230-1252), que como conquistador de Xaén preside a súa escultura a fachada principal da catedral.
Por último se formaba parte dos cantores de Afonso IX, onde se oía boa música, non creo que fose tan malo como o pinta o portugués D. Martín Soares. Algo tiña que ter de bo para estar tanto tempo protexido por dous monarcas.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.