15 maio 2010

O "Cine- Friol": unha experiencia efémera.

O dezaseis de novembro de 1961 , nunha crónica que asina Sánchez Carro no diario “El Progreso” dáse conta da próxima inauguración de un “cinematógrafo” na vila de Friol, concretamente indicaba "el próximo enero".
O antigo propietario non lembra con seguridade a data, pero case poderíamos afirmar que foi o día 4 de xaneiro dese ano—sábado e feira—o escollido para a apertura do “Cine Friol”, que así se chamaba.
Segundo conta, José Sánchez Terrón, a idea xurdiu por ter uns curmáns en Teixeiro – Curtis— que tiñan un cine na citada localidade—“ mesmo pensamos nalgún momento ampliar a Guitiriz a oferta”.
Para edificar o local houbo que facer un bo desmonte “con dous mulos, o meu cuñado mais eu fixemos o traballo”.
Desde La furia de los bárbaros (puido ter sido a primeira proxectada), de Guido Malatesta, continuando con Bajo el cielo andaluz con Marifé de Triana, Ursus con L. Prendes e Mª Luisa Merlo; Volverás a mí, con Yul Brynner, El Jorobado de Andrè Hunebelle…ata rematar co pase de Cimarrón de Anthony Mann con Glen Ford e Anne Baxter. E como non,  a presenza inevitable de Marisol; naqueles anos as peliculas 'taquilleiras' por excelencia. Para a proxección de Tómbola , convidaron e transportaron a todos os rapaces e rapazas das escolas do concello. Boa campaña publicitaria !.
Pouco máis de tres anos –non lembran cando pecharon—durou a experiencia; os industriais da hostalería do momento, non vían con bos ollos o negocio. Pensaban, con esa cativeza do pequeno comerciante, que o tempo que a xente pasaba no cine non estaba nos seus locais, sen se decatar que o cine xuntaba  xente e á saída da película nalgún sitio se terían que meter e apagar a sede ou falar diante dun refresco ou cunca de café.
Iso si, mentres durou o “Cine-Friol”, tiña fama na capital da provincia ( dicíao El Progreso, e pensamos non sería información interesada) de estrear antes as películas que na propia cidade das murallas.
Así nolo contaron e así o contamos.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.