03 maio 2010

Romaría do San Benito do Carballo.

Hoxe, día 3 de maio, celebrouse, un ano máis, a romaría do S. Benito de Palermo na parroquia de Carballo.
Nos anos corenta - cando menos-- para acompañar á celebración da Misa Maior contratábase a  un músico que se achegaba co seu harmonio - enviado vía 'coche de liña'- e un neno,  que interpretaban a Misa de Angelis. Posteriormente interprétabase no interior da igrexa o Himno ao S. Benito.
O noso informante, para a nosa desgraza non lembra nada máis que os primeiros versos do mesmo que serían:
"Oh Benito a quien honor
rinde el mundo conmovido
dichoso tú que has tenido
......... del Señor" 
Despois de cumprir co ritual relixioso, o resto xa era festa propiamente dita.
Algúns aínda lembran as merendas. Ao redor da igrexa e despois da misa e procesión, as familias e convidados reuníanse nunha carballeira e sacaban o xamón, viño e demais viandas propias de día de festa.
Os homes chegaban nas súas cabaleirías facendo ostentación das mesmas. E a festa continuaba toda a tarde ata ben entrada a noitiña.
Lembrar tamén que o próximo domingo celébrase a poxa dos produtos ofrecidos ao santo e que en setembro -na actualidade coincidindo coa festa da parroquia da Rocha- San Cosmede-- fan o san Benito pequeno que como xa o seu nome indica ten moita menos sona e importancia que o que nos ocupa.
Hoxe cando nos achegamos á fonte, contounos un home --70 anos dixo que tiña--que estaba lavando os ollos coa súa auga que tiña propiedades milagreiras. "Acordo un señor que era cego que chegou aquí lavou os ollos e volveulle a vista". Nós lavamos os nosos.
As fotografías son cesión da familia de Elena Moreno e están feitas a finais dos cincuenta ou principios dos sesenta e son das famosas merendas do S. Benito.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.