15 maio 2010

Unha achega ao redor do S. Benito

O San Benito de Palermo, nacido no ano 1526 e falecido no 1589, foi un franciscano que deixou forte pegada, na súa Italia natal. De tal xeito, que a súa fama traspasou fronteiras rapidamente e, xa a principios do século XVII, hai noticias do franciscano pola península adiante.
Na primeira década do citado século, chegaría a España algunha reliquia ( á súa morte o seu corpo permaneceu incorrupto; pódese visitar na igrexa de Sta María di Gesù, en Palermo).
A Lope de Vega  encárgalle  --alguén da nobreza que non podemos precisar, podería ser os  que saen loados na mesma: A familia Portocarrero ? -- unha obra teatral sobre a vida deste Benito. Publícase a mesma  no ano 1613 baixo o título de "El sancto negro Rosambuco de la ciudad de Palermo".
En Sevilla (aquí seguimos a Isidro Moreno no seu "La antigua Hermandad de los negros de Sevilla") a Irmandade do Cristo da Fundación --Hermandad de los Negros--, (que ten as súas orixes  nunha casa hospital para a atención de negros desvalidos, fundada polo arcebispo Gonzalo de Mena, a fins do s. XIV) acollen como imaxe para a citada confraría a este Benito de Palermo, aínda que non con carácter oficial, pensemos que non está aínda beatificado.Curiosamente, tamén antes da súa beatificación, a cidade natal de Benedetto o propón como santo protector da cidade (1713).
Todo isto, fai que a igrexa no ano 1743 beatifique ao de Palermo.
Anos máis adiante , Frei Joseph Joachim Benegas y Luxàn escribe en seguidillas  a "Vida del portentoso negro San Benito de Palermo", publicado no 1799 pero xa visado pola autoridade eclesiástica pertinente no 1750.   
A principios do XIX (1807), Pío VII santifícao e o seu culto esténdese definitivamente por latinoamérica ,como xa dixemos nunha entrada anterior.
De como o culto chega a Galicia non temos información. A fonte de S. Benito de Palermo da igrexa de Baldomar--Begonte-- ten a inscrición do ano 1881. É o único dato que temos.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.