01 setembro 2010

Os Teleclubs

Dende a súa inauguración en outubro de 1956 e ata os primeiros anos da década dos sesenta a TVE non deixou de ser máis que un banco de probas desta nova tecnoloxía de comunicación que non se sabía moi ben ata onde ía chegar.
A partir do 1964, debido ao olfacto de Manuel Fraga Iribarne --daquelas Ministro de Información e Turismo-- que comprendeu o valor propagandístico do medio, iniciouse unha política de creación dos chamados “Teleclubs” por toda a xeografía española , sen esquecer neste caso á España rural.
Estes Teleclubs, dirixidos polos párrocos, mestres,..en definitiva as forzas vivas do lugar, tiñan como pretexto a instalación dun aparello televisivo onde poder contemplar os programas que a TVE emitía nas dúas canles dispoñibles e coa finalidade de colaborar ao desenvolvemento económico, fomentando o desenvolvemento cultural. Realmente pretendían ser o púlpito que predicase as bondades do franquismo por todo o país.
Esta rede iníciase coa instalación do primeiro teleclub en Matilla la Seca, Zamora o 25 de novembro de 1964. Días despois –decembro do mesmo ano—as parroquias de Belesar en Vilalba e Camoira en Lugo foron as primeiras en ter cadanseu teleclub na nosa Comunidade.
Pois ben, Friol non foi alleo a este proceso de” teleclubización” e nesta década foron creados máis de un: 
O 9 de maio de 1965 inaugurase en Ousá o primeiro do concello ao que lle seguirán outros nos anos seguintes.
As fotografías corresponden ao acto de inauguración do citado teleclub.

3 comentarios:

Mª José

Ben certo os famosos Teleclubs da época . Recordo os sábados e domingos pola tarde nun teleclub de Lugo ( eu penso que era privado ) . Meu pai nos levaba alí onde con outros nenos podiamos ver a tele .

Saúdos

A Ulloa en fotos

Non sei cantos houbo na Ulloa, pero polo menos coñezo dous: o de Castro de Amarante e o de Casa de Nai(Antas de Ulla). O mellor dos teleclubes era esa placa con letras pop-art, de feito, fai anos regaláronme unha que gardo como un tesouro.

Carmen Vecino

Si, alí estaba eu. Non me enteraba de moito con os meus 4 anos, pero salín na foto!

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.