01 setembro 2010

Xan de Forcados (II)

O interese que manifestou o Doutor López Suárez, ao longo da súa vída, por fomentar e elevar o nivel educacional do país, foi o que, seguramente, orixinou que na década dos sesenta do pasado século, fixese doazón ao noso concello, de parte das terras da Casa-Torre para a construción dunha agrupación escolar e dun campo deportivo.
Daquela os alumnos de primaria daban clase no edificio consistorial que, evidentemente, non reunía as mínimas condicións para o cambio educativo que se albiscaba.
É interesante ler, as reflexións que sobre os métodos educativos, fai este Xan de Forcados, imbuído sen dúbida polos seus contactos coa Institución Libre de Enseñanza, e que aínda hoxe resultan válidos cos matices que lles queiramos pór.
Segundo temos recollido na vila, as condicións do mecenas foron a de respectar e coidar uns castiñeiros situados entre o Concello e a estrada xeral --os da fotografía-- e por outra parte que todos os veciños axudasen á construción do edificio escolar cunha xornada de traballo por casa. Aínda que este recordo é difuso, Lorenzo da Costiña lémbrao ben: “pouco antes de marchar nós para Suíza, fíxose o colexio e había que traballar cada casa, un día nel”. O tema dos castiñeiros, ao parecer non se respectou, por estar xa daquela enfermos.
Non temos máis datos ao respecto. O que si sabemos e que un pouco antes de morrer, cedeu o resto das terras e a casa-torre á Caixa de Galicia co compromiso por parte desta de restaurala, cousa que iniciou pero, segundo parece, debido ao alto custe que significaba , decidiu vendérllela aos Bóveda, que son os actuais propietarios.
Para sabermos máis deste "galeguista práctico", en boca de Bal y Gay, podemos ler o libro xa citado na entrada anterior de X. Ramón Fandiño.

Nota: A fotografía do Centro escolar foi publicada na revista da Deputación Provincial "Lucus" no ano 1976, ano no que se lle dedicou unha separata a Concello de Friol , da que falaremos en próximas entradas

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.