15 outubro 2010

Cruceiro de San Martiño de Condes.

Está situado ao pé da igrexa parroquial. Érguese sobre unha plataforma de tres chanzos cadrados e unha base cúbica. O fuste é cilíndrico, labrado en peza única, con lixeira éntase e estrías, salvo nos extremos. O fuste e o cicelado das estrías segue un esquema moi semellante aos cruceiros Anxeriz, pero é moito menos esvelto. De feito, hai unha acusada desproporción entre o fuste, e o capitel e a cruz, que resultan demasiado pesados. Con todo, o esquema xeral é moi clásico.
O capitel aséntase sobre un sobresaínte collarino e presenta tres corpos ornamentais: o inferior en molduras abertas en abanico, o medio decorado con follas de acanto, e o superior con volutas nas esquinas e cabezas de anxos no medio.
A cruz ten sección cilíndrica e decoración de nós nas arestas. No anverso represéntase a Cristo seguindo a iconografía tradicional: pés cruzados e cabeza ladeada sobre o seu lado dereito. Presenta unha plástica moi elemental, apenas se traballan os detalles anatómicos. No reverso aparece a Dolorosa, que tamén segue un esquema de formas básicas: rasgos elementais no rostro, e mans entrelazadas á altura do peito e que resultan demasiado grandes e pesadas. Está feita en dúas pezas (pódese observar o corte da pedra á altura da cintura). Viste cun manto que lle cobre a cabeza e que debuxa dúas ondas no perfil, e saia longa con pregamentos.
Supoñemos que o cruceiro é do S. XVIII, resultando unha adaptación popular das formas barrocas.

2 comentarios:

Chousa da Alcandra

Había que botarlle unha boa bronca a quen amarra cordóns a estas pezas, poñendo en perigo a súa estabilidade.

(Hoxe erguinme de mala uva!)

Algalia

Levas toda a razón. Non é a primeira que nos atopamos con eses "aderezos" nos cruceiros.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.