07 novembro 2010

Manuel Andón (e III)

Continúa o seu incansable traballo este alcalde ao que nos referimos nas entradas anteriores. No ano setenta, nese afán de potenciar as festas locais  aparece unha ampla reportaxe periodística en "El Progreso", anunciando as mesmas e recollendo diferentes impresións dos frioleses. Mesmo aparece unha pequena entrevista co gaiteiro-reloxeiro Severiano ( por certo pouco afortunada pois nótase ás claras certa displicencia por parte dos entrevistadores para co entrevistado, por non dicir falta de respecto)
É a fins deste ano , aproveitando o período vacacional do Nadal cando se realiza o traslado das escolas situadas nas dependencias municipais para poñer en funcionamento a Agrupación Escolar de Friol --o que hoxe coñecemos como Edificio Vello--. Neste mesmo ano instálase a Gasolinera da man de Manuel Grande Varela. No setenta e dous inaugúrase aproveitando as patronais o alumeado público na vila.
Xa no 1973, inícianse os trámites para a creación do Club Fluvial na ribeira do Narla;  este proxectol tardará algún tempo, seguramente pola desaparición física do seu promotor.1974 significa a posta en servizo do abastecemento de auga á vila...
Con cantidade de proxectos na súa cabeza, Manuel Andón falece repentinamente a noite do un de xuño de 1975. A conmoción no concello é enorme. Non tiña máis que 50 anos cumpridos. As mostras de pesar manifestáronse nun multitudinario e derradeiro adeus.
O ano seguinte, á súa morte, a revista da Deputación Provincial, Lucus publica un monográfico sobre o concello, no que seguro estaba implicado Andón, pero que non chegou a lelo.
Quedan cantidade de cousas no tinteiro, pero o que é certo é que queda a lembranza agarimosa duns veciños que quixeron erixir un monumento na súa memoria, que foi inaugurado un ano máis tarde do seu falecemento, nas inmediacións do Campo da Feira que o extinto alcalde axudou a urbanizar.
Seguramente, máis de un que lea estas entradas, tivo trato con Andón e pode completar os ocos aos que non chegamos. 

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.