07 novembro 2010

Un alcalde: Manuel Andón Cebreiro (I)

Manuel Andón nun acto do Concello
Desde que empezamos a levantar pedras e sacarlle o po aos arquivos, coa fin de recolocar as pezas do crebacabezas chamado Friol, todo foron boas palabras cara un dos alcaldes que máis anos estiveron á fronte do consistorio friolés e que máis simpatías recolleu entre propios e estraños. 
Falar de Manuel Andón (31/01/1925-01/06/1975) é falar da época de desenvolvemento do concello. Nos seus dezaoito anos á fronte da alcaldía, Friol, aproveitando o "desarrollismo" do momento, foi mellorando as súas infraestruturas de acordo co momento político que tocaba vivir.
Co cambio de gobernador civil -figura fundamental da política do réxime franquista-- na provincia de Lugo, en xuño de 1957, Enrique Otero Aenlle --novo gobernador-- decide cesar case inmediatamente ao alcalde  de Friol, que non era outro que Enrique Camoira --xa citado noutra entrada--.
En outubro dese ano xa ten buscado o substituto que dá o perfil que pretende o novo gobernador: unha persoa nova (trinta e dous anos), ben formada (avogado en exercicio), benquerido na vila ( o futuro alcalde sempre fora persoa interesada en todo canto podía significar colaborar en "facer" Friol ), e por suposto con  boas referencias. Este perfil tiña un nome: Manuel Andón Cebreiro. O dezaoito de outubro de 1957 asume as responsabilidades como Presidente do Consistorio Local.
Estamos rematando o ano 1957, as perspectivas do réxime albiscan unha eclosión económica e as estruturas de poder necesitan xente dinámica para vender nos concellos as bondades dun réxime nacido na ilexitimidade.
As forzas vivas da vila friolesa empezan a manifestar publicamente, o apoio a tal cambio e a facer panexíricos do seu dinamismo e capacidade de traballo.
A partir de aquí, Friol empeza a ter unha presenza importante nos medios de comunicación, que destacan o labor deste novo alcalde ( Alfredo Sánchez Carro, amigo de Andón , peza importante na política provincial do momento e cronista de "El Progreso" seguro que non estivo á marxe desta presenza cotiá no xornal provincial )
O 18 de xullo do ano 1959- achégase a Friol o Gobernador Civil, para inaugurar dúas novas escolas ,en Miraz e no Carballo. É precisamente nesta visita, onde Otero Aenlle fai referencia pública á súa intervención no cambio de alcaldía “para dejar las cosas en su sitio”.E, efectivamente, con este cambio, a vida do concello, e principalmente da vila inicia un efémero despegue do que falaremos na entrada seguinte.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.