29 decembro 2010

De xullo do 1928 a agosto do 1936 ( I )

Xa falamos tempo atrás das tirapuxas entre os diferentes grupos que constituían o establishment local do primeiro terzo do século XX. Tiñan como cabezas visibles, politicamente falando, a D. Segismundo Grande( 1886-1960) e D.José Casanova Cobas (1867-1935).
Nos últimos anos da década dos vinte – con Primo de Rivera e a súa Unión Patriótica no poder central— as desavinzas entre estes dous persoeiros foron ostensibles ( algúns quixeron ver cuestións xeracionais), e provocaron un "baile" na presidencia do Concello, segundo de onde sopraba o vento... da política nacional.
O mes de xullo do ano 1928, foi un mes “quente” no Concello: o día 10 do citado mes, a Corporación Municipal, presidida por D. José Casanova, aproba un presuposto extraordinario coa fin de facerlle fronte á conta pendente co contratista que levou a cabo a construción da primeira parte da obra do novo edificio consistorial.
Poucos días despois, o 16 de xullo, o Tenente Coronel  Miguel García Cortés, desprazado ex profeso de Lugo, como Delegado Gobernativo, convoca e preside un Pleno no que se procede á destitución do alcalde e concelleiros afíns; ao que só asisten, evidentemente, os seis concelleiros – algúns, enfrontados directamente con Casanova—e seis veciños máis, entre os que está o futuro alcalde, Segismundo Grande.(A posibilidade de destitución dunha corporación municipal “manu militari” non era raro naqueles anos da Ditadura de Primo de Rivera).
Chama a atención que á acta do día 10, engadíuselle unha Dilixencia do Secretario Municipal, con data do día 20 dese mes, na que este indica que non autoriza o citado documento ( Observemos que o engadido faise con posterioridade, incluso, á acta de destitución da Corporación presidida por Casanova. Curioso!
Así chega á alcaldía por primeira vez, D. Segismundo Grande. A partir deste momento revóganse decisións da anterior alcaldía e iníciase unha sucesión de desencontros que acaban na vía xudicial.
Segas - como era coñecido polos seus achegados- permanece na alcaldía ata o 1931.
O 12 de abril dese ano celébranse en todo o país unhas eleccións municipais que  provocarán a chegada da II República, pero o alcalde friolés, facendo uso do artigo 29 da lei electoral, non as convoca por non haber máis candidatos que os que había que elixir. Seguro que as presións, para evitar posibles candidaturas que desbaratasen a idea de seguir no cargo, non foron poucas. De feito en maio o Gobernador Civil disolve a Corporación e nomea unha Comisión Xestora presidida polo concelleiro D. José González-Rosón y Losada (1899-1946)--fillo de D. Genaro G Rosón e sobriño político de D.José Casanova-- que ten como finalidade convocar novas eleccións. Celebradas estas, danlle o triunfo á Fronte Popular e  en sesión do cinco de xuño, é elixido alcalde de novo Casanova Cobas, función que desenvolverá ata o seu falecemento o 21 de marzo de 1935. Isto motiva que acceda á alcaldía D. José G Rosón y Losada -daquelas vocal na directiva de Izquierda Republicana na provincia de Lugo e presidente da mesma organización política en Friol.

1 comentarios:

Anónimo

Creo que na casa de Terrón, no Campo da Feira, aínda se intúe unha pintada feita no 31, que poñía inicialmente: "CASANOVA NO" feita polos partidarios de Segismundo Grande. A pintada, outra noite, foi completada polos partidarios de Casanova que lle engadiron: "...PERDERÁ" modificando completamente o significado incial da mesma

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.