23 xaneiro 2011

O Campelo (e II )

A efémera vida deste asentamento militar, non estivo exento de polémica e, desde logo, foi motivo de conxecturas de todo tipo.
No ano 1979, nun programa radiofónico dirixido por Manolo Sicart, cremos que en Radio Lugo, este comunicador alerta da existencia desta base como asentamento secreto das tropas norteamericanas. Isto orixinoulle algunha complicación coas autoridades militares do momento.
O silencio das autoridades militares, deron orixe a fabulacións -- montaña completamente perforada, pasadizos secretos, almacén de material radioactivo...-- que nunca chegaron a ser demostradas pero que tampouco lograron ser desbotadas definitivamente do imaxinario popular.
Si que era certa, a presenza de persoal norteamericano, que en grandes e potentes automóbiles subían ata a base e que eran técnicos --militares-- do que daquelas era sen dúbida alta tecnoloxía.
Hai que pensar que España está iniciando o proceso de achegamento á OTAN, e seguramente algo a cambio había que dar. De feito botámoslle unha ollada ao "Acuerdo Global sobre la Red Territorial de Mando" asinado polos gobernos de España e Estados Unidos no ano 1980, como ratificación da posta en marcha da instalación deste rede, asinado no ano 1972, no que se recolle o grao de cooperación entre os dous exércitos para a posta en marcha desta RTC, e no que tacitamente se recoñece a supervisión total por parte das autoridades americanas.
No ano 1985 (La Hoja de Lunes de Lugo, 21-I-1985) algúns políticos do arco parlamentario galego falan da posibilidade de que se almacenen armas nucleares en territorio galego sen desbotar a base friolesa entre os citados almacéns. O BNG, pola súa parte, indica que os radares da base do Campelo, xunto con outras bases galegas (Estaca de Vares, A Graña,...) forman parte do programa Combat Grand II,dos exércitos hispano e norteamericano ao abeiro dos tratados bilaterais.
Hoxe abandonada, agás a antena da creada Rede Conxunta de Telecomunicacións, con tele-mantemento, aínda segue xerando curiosidade. No ano 2009 a Escola de Imaxe e Son da Deputación Provincial lucense, presentou a curtametraxe "Campelo: Expediente 1338 " tendo como motivo central esta base.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.