18 febreiro 2011

A toponimia da parroquia de Xiá

A parroquia de máis extensión e maior número de entidades de poboación (corenta e dúas) do concello de Friol é a de Santa María de Xiá con 361 habitantes, repartidos entre os trinta e seis núcleos habitados na actualidade -censo de 2010-.
Nicandro Ares indícanos que nos Tombos do Mosteiro de Sobrado, a fins do século X, xa se cita unha "villa Sancte Marie que dicunt Egilani" o que a faría proceder dun Egila, antropónimo visigótico, o Xiá ao que facemos mención.
Outros topónimos que fan referencia a antigos posuidores serían Ascariz, do xermánico Ascarici, terras de Ascaricus; Bertamil do que xa falamos noutra entrada, dun Vitermirus-- xermánico tamén--; Rétede que aparece citado nos Tombos do Mosteiro de Sobrado a principios do século XI como villa Retiti, que segundo Ares, sería antropónimo xermánico; A Bagulla que podería ter tamén a súa orixe nun Vaculeius latino, villa Vaculeia; A Luz viría dun Lucius tamén latino, A Torre da Luz coa mesma orixe; Ordóñez dun Ordoño; e Fonteseca que faría alusión a unha fons Sicca -antropónimo latino-.
O Abeledo, abeleiras (corylus avellana), O Folgar, fentos (dryopteris filix), A Carballeira, carballos (quercus sp.), A Xesteira, xestas (Genista sp) son fitónimos que fan referencia a abundanciais das referidas especies. Tamén O Freixido, freixos (fraxinus sp) que aparece citado como villa Frexinito a fins do século X, e no XII como Freixinidu-Freijido. A parte destes abundanciais atopámonos co Toxo, outro fitónimo que fai referencia á ulex sp.
Facendo mención á casa, temos A Casanova, Casantalla --Casa de Santalla-- de Santa Eulalia, Casferro (de ferro do latín ferrum-i), Caspardo (do antropónimo latino Pardus), Casroque (de Roque), Castorres ( do turris-i latino)
O Foxo e O Foxón, ambos coa orixe no latín fogium, no segundo caso en aumentativo farían referencia ás trampas que se lle puñan ao lobo , animal de lenda negra na nosa tradición.
O Outeiro de altarium e Suouteiro, coa mesma orixe precedida do prefixo sub -debaixo- e que acolle unha fraga de importante riqueza natural, serían dous orónimos.
A Pontexiá ( ponte de Egilani), Portadornas, no que teriamos un portus -paso-- de dornas (podería vir do celta durno co significado de artesa), Portolamoso que deixa nidio a referencia ao lamaguento do paso--coa presenza dun derivado do prelatino lama--, serían uns odónimos.
O Enxeito, de orixe incerta e significación confusa, podería facer referencia a un lugar abandonado, ou a alguén abandonado nel. Di Ares, que viría dun eiectare --botar--; nos dicionarios aparece coa significación de "niño abandonado por notar a ave que nel se andase".
Pousada -pausata--, descanso, lugar onde facer acopio de forzas para seguir camiño; A Pallota construción cuberta de palla; O Vilar (villaris) que fainos pensar nun casarío coas súas construcións adxectivas; A Castronela, lugar onde asenta a torre de San Paio, sería unha antigo castrum de reducidas dimensións; A Eirexe, de ecclesiae -lugar onde está a igrexa da parroquia-
As Pozas do latino puteus, non ten nada que explicar, ao igual que O Lousado do prerromano lausia-lousa-. Parece tamén evidente O Escorial  procedente das escouras --scoria-
Por último estes topónimos: O Sisto , Corno do Boi - léase comentario- e A Peteta (ver As Petas)  xa foron comentados noutras entradas que deixamos enlazadas.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.