12 xuño 2011

Alfredo Vázquez Albite

Nesta entrada imos deixarlle a voz, mellor dito a pluma, a Horacio Vázquez Rivarola, do que xa falamos noutras entradas, para que nos relate a vida dun seu tío, nacido na Arxentina, pero coa orixe galega que nunca esqueceu.
Tratamos de reflectir ese sentimento universal de galeguidade do que, aínda non sendo nacido en Galicia e vivindo practicamente toda a súa vida na Arxentina, soubo transmitir --así nos consta-- o amor por esa terra, que é a nosa, á xeración seguinte.

"O meu querido tío Alfredo Vazquez Albite, naceu en Bos Aires o 4 de xullo de 1920, fillo de Aurora Albite Gómez (San Cibrao da Pregación, 29 de xuño de 1902) e do seu primeiro home, Gumersindo Vázquez Varela (nacido na Casa do Fidalgo, do Burgo de Negral en data por min descoñecida).
Alfredo comezou a traballar sendo moi pequeniño, aos 8 anos, como axudante do leiteiro que, ao amencer, coa súa vaca, saía polo barrio a repartir o leite acabado de munguir. Logo foi "chico de los mandados" dunha carnicería do mesmo lugar.
Aos 15 anos ingresou como Aspirante Naval na Escola de Mecánica da Armada Arxentina, onde saíu como cabo segundo electricista (que para 1920 era, como se hoxe fose "astronauta", pois era a electricidade a ciencia de maior proxección). Fixo a súa carreira na Armada; sendo, por exemplo "Primer Oso Polar Antártico", pois tripulou un dos primeiros buques que comezaron a construír as bases antárticas na década de 1940. Tamén foi un dos únicos sobreviventes dun memorable naufraxio: o do Rastreador "Fournier", afundido nas canles 'fueguinas' con toda a súa tripulación. Foi un desastre que enloitou a toda Sudamérica. Alfredo salvouse providencialmente, xa que sendo tripulante efectivo, un compañeiro de outro buque pediulle e pregoulle que lle cambiase o posto, e -de mala gana- aceptou, xa que ao ir ao extremo sur, cobrábase máis e este compañeiro era casado e con fillos, mentres que o meu tío estaba solteiro. Por compañeirismo aceptou, e iso constituíu a súa salvación. Partiu xunto ao seu buque o día da última viaxe, e desembarcou en navegacion, logo de terminar un traballo que tiña empezado. O Fournier continuou a viaxe, e esa noite afundiuse sen que se salvase nin un só da súa tripulación...
Retirouse da Armada en 1968 coa graduación de 'Suboficial Principal' e continuou estudos universitarios, sendo o primeiro Bibliotecólogo da Arxentina, e polo mesmo, o primeiro profesor da carreira (logo recoñecido Profesor Emérito de Bibliotecoloxía do Instituto "Biblioteca de Mujeres", o primeiro e máis antiguo en ditar a carrera de Bibliotecoloxía). Despois de 25 anos de ensino, xubilouse como profesor e continuou traballando como bibliotecario (Director das bibliotecas do Círculo de Oficiales de Mar). Traballou incansablemente dende os 8 anos ata os 80, idade na que se retirou. Foi un eterno agradecido á vida, á Arxentina e nos seus últimos anos tamén a España, terra que recoñeceu como propia e da que recuperou a súa cidadanía. Retornou a España nos 2000 e mesmo pensou seriamente quedar a vivir (ou a morrer) nela. Sempre ía a Galicia, e puntualmente a Friol, onde recoñecía, emocionado, a súa orixe. Alí pasaba horas abrazado ou sentado na base do Cruceiro do que lle falaba a súa nai (a miña avoa... a min falábame sempre do cruceiro que estaba fronte á súa casa en San Cibrao). Alí sentíase, outra vez xunto á súa xente.
Morreu na paz de Deus, en xaneiro de 2004, habendo construído cousas útiles toda a súa vida, habendo amado con profundo compromiso, e como un verdadeiro pai aos seus dous sobriños de sangue e a outra "sobrina postiza" (filla do seu mellor amigo) a quen inculcou con tenra perseverancia o amor polo traballo, a utilidade social, a aplicacion ao estudo e a honradez máis absoluta e intransixente,para poder camiñar por todo sitio coa "fronte en alto" e durmir "coa conciencia tranquila". Foi un arxentino e un galego máis que exemplar: Foi un "modelo" de persoa. Ese foi o meu tío Alfredo".
Nas entradas seguintes reproduciremos dous poemas da súa autoría.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.