14 novembro 2011

As Aparicións das Pardellas. Relato dunha testemuña.

Relacionado cunhas entradas anteriores, nas que demos conta das chamadas “Aparicións nas Pardellas”, chegounos este relato dunha testemuña dos feitos que comentamos. Respectando o seu anonimato, transcribimos a súa versión persoal do sucedido:
“No mes de xuño de 1949 acababa de facer 13 anos. Terminara con éxito un dos cursos de bacharelato e encontrábame de vacacións en Friol. Falábase que a uns nenos de As Pardellas aparecíaselles a Virxe María, e con este motivo ía moita xente a dita aldea. Un día dese mes, creo que era domingo, organizouse unha visita ó mencionado lugar e eu fun co meu pai, e polo tanto son un dos vinte pequenos que cita a crónica da prensa ( El Progreso 15-06-1949). Chegamos ó sitio de día, pero á tardiña. Recordo unha rocha granítica bastante grande, partida en dúas partes, na que no medio medraba un carballo, pouco desenvolvido, polo lugar en que prendera. Chamoume a atención que das ramas colgasen diversos obxectos relixiosos, destacando os crucifixos que, segundo me explicaron, servían para esconxurar ó demo, por se se lle ocorría achegarse. Estaban presentes algúns curas das parroquias próximas e creo recordar que se rezou algunha oración; tamén se atopaban gardas civís do posto de Friol. A partir da rocha o campo era bastante pendente, en subida cara ás casas da poboación. Na parte máis alta e afastada do lugar, colocáronse as persoas maiores e na parte de baixo os vinte nenos, máis ou menos, incluídos os catro que se dicía que se lles aparecera a Virxe, ós que eu terminaba de coñecer. A nós, os cativos, puxéronnos detrás dun pequeno valado, que se encontraba a uns poucos metros da pena indicada. Alí pasamos máis dunha hora. Eu tiña os ollos ben abertos por se vía algo e xa empezaba a estar canso. Era xa de noite. De repente os nenos videntes gritaron que alí estaba a Señora. E, como relata o cronista, os maiores,que se encontraban máis arriba, e que tamén querían ver a aparición, botáronse a correr costa abaixo. Recordo que os pícaros, eu tamén, estabamos, tirados no chan, mesturados coas pedras do muro, e que non pasou nada, nin tan sequera houbo rabuñaduras.
E eu vin ou non vin?. Aínda que permanecía moi atento non vin aparición algunha sobre a mencionada rocha, pero no intre en que a xente maior se abalanzaba sobre nós, os nenos, vin como un raio saía da rocha en zigzag cara o ceo, como se un SER Superior quixese fuxir da impaciencia e irresponsabilidade dos humanos. Impresión, a do lóstrego, que me quedou gravada na mente para sempre. Logo penso que o acontecemento, polo que fora, non contou co apoio da Autoridade eclesiástica e foise esmorecendo. Eu non volvín na miña vida a aquel campo”.
Ata aquí o relato, nada máis indicar que aínda hoxe, é frecuente a presenza de xente foránea, que na rocha citada, fan investigacións relacionadas co aquí recollido.

1 comentarios:

Anónimo

I e que crer, non cremos pero habelas hainas.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.