01 setembro 2011

Quiroga fálanos de D. Julio Castro Ves

Publicamos aquí unha achega que nos fai Manuel López Quiroga - antigo Xuíz de Paz do concello-sobre o citado Castro Ves, personaxe do que xa falamos en entradas anteriores. Nin engadimos nin quitamos nada. Di así:
"De profesión farmacéutico, era tan polifacético, que era raro que se falase do que se falase, el non entendese; mellor diría, fose un experto: desde a mecánica, pasando por cociñeiro, prestidixitador, poeta, pescador,... e sobre de todo, amigo das tertulias e dos pequenos, aos que lles dedicaba os seus repertorios de maxia.
No ano 36, foi un dos que proclamou a República dende o balcón do Concello de Lugo. Aseguraba ser un dos primeiros de Lugo de ter carné de conducir, ao mesmo tempo de dispoñer dunha moto, segundo el mesmo dicía: en toda a provincia de Lugo non chegaba a haber unha ducia que dispuxeran deste vehículo.
Pregoaba nas nosas tertulias “literarias”:
Os poetas son tres
Quiroguita, Campoamor e Castro Ves

Discrepaba moito co cura parroquial. Sostiña con tal motivo moitas polémicas co mesmo, sendo famosas as regueifas que mantiñan entre os dous. Cando era hora do precepto pascual, viñan sempre uns frades, para preparar mellor as solemnidades relixiosas, e polas mañás, estes percorrían as estradas de Friol, con moitos rapaces procurando pasar por diante do seu domicilio, cantando este estribillo para provocar a D. Julio:

Yo no voy a la iglesia
porque estoy cojo
pero voy a la taberna
poquito a poco.
Este propúxose tomar debida vinganza por tal alusión. A primeira medida: xuntou uns rapaces, entre as chucherías e xogos de maxia que lles aprendía..., tíñaos axiña “catequizado”; levounos polos mesmos vieiros que estiveran os frades, cantando:
Yo no voy a la iglesia
porque no quiero
mantener holgazanes
con mi dinero.
En épocas nas que Friol carecía de luz eléctrica (servíase unicamente e dunha forma moi precaria dunha planta que aínda hoxe existe) competiron pola electrificación da vila dúas compañias: Barras Eléctricas e San Pedro de Mezonzo. O secretario do concello e os seus adláteres (enténdase alcalde e concelleiros) optaban por San Pedro de Mezonzo e D. Julio Castro Ves por Barras Eléctricas (máis viable esta última, xa que o tendido procedía de Lugo e a outra de Sobrado dos Monxes).
As forzas vivas do concello tomaron a decisión de derribar un caseto dun transformador co pretexto de estar construído en terreo municipal. Este feito espertou a vea poética do noso protagonista que cantaba:
En este pueblo de Friol
hay tantos analfabetos
que con tal de non ter luz
hasta tiran los casetos.
O Sr. Castro Ves era un home moi orixinal, amante da natureza e da fauna. Nas carballeiras do Campo da Feira, os mesmos gorrións comíanlle na man as rafas de pan. Moi afeccioado á pesca de río, facía de representante da “Venatoria”, irritándose de mala maneira se alguén, utilizaba malas artes de pesca no río. Recordo que en certa ocasión, moi preto da ponte de Friol, pescou unha troita de cinco quilos.
Noutra ocasión xurdiu un problema coas mulleres que ían lavar á presa do Grande, preto de Friol, por mor de estender a roupa nun prado colindante, dando orixe a un xuízo de faltas. Don Julio tomou parte en favor das mulleres, e logo de rematar o litixio, lanzou tamén o seu “ripio” que dicía así:
Un mocito pera que ha llegado ayer
a las lavanderas trae a mal traer
y las lavanderasLcon mucho tesón
dicen que el pollito no tiene razón.
Exerceu a profesión de farmacéutico en Lugo, sendo pioneiro en andar en moto. Sempre dicía que o seu carné de conducir era o número un de Lugo."
Acompaña esta entrada a portada do diario El Progreso de data 15 de abril de 1931, onde reflicte a intervención de Castro Ves desde o balcón da Casa consistorial da cidade de Lugo dando conta da proclamación da II República

2 comentarios:

Algalia

Unha entrada que non ten desperdicio.

Mª José

Interesante este D. Julio Castro y también la portada de El Progreso . Como siempre muy buenas publicaciones en este blog

Gracias por compartirlas .

Abrazos

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.