15 setembro 2011

Románico rural: Anafreita (III)

A transición ó gótico é visible no arco de triunfo apuntado que dá acceso á ábsida, dobrado e de sección rectangular. O arco interior descansa sobre columnas de fuste liso e basas áticas (segundo Perrín, co esmagamento dos toros típico das obras de cronoloxía avanzada). Os capiteis están decorados e teñen un astrágalo sogueado. O tipo de desbastado aproxímaos ao gótico, cun resultado máis esvelto que nos capiteis de desbastado cúbico do románico clásico.
O capitel da esquerda presenta unha ornamentación de follas estilizadas, polas que, na parte superior, asoman catro cabezas humanas (dúas na cara central e unha en cada unha das laterais). O capitel da dereita adórnase con lazos entrecruzados e perfilados cunha cenefa de pequenas bólas. As esquinas superiores decóranse con avultadas follas con incisións, como un afastado eco do prototipo corintio que durante o románico transforma os acantos en follas que parecen bólas.
Segundo Perrín, capiteis semellantes aparecen en mosteiros do Císter, como Meira e Oseira.

2 comentarios:

H. M. F. V

Irei a dar outra volta pola igrexa.

Algalia

Gracias polos ánimos, Higinio. Se visitas a igrexa verás a necesidade que ten de, polo menos, uns arranxos básicos. Saúdos.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.