26/09/11

A Torre de Anafreita, Casa Señorial Do Río e os seus donos.

Baixo a epígrafe que antecede, Higinio Martínez Fernández de la Vega achéganos esta máis que interesante colaboración:
"Ao pé da Cova da Serpe, aproximadamente a un quilómetro de distancia da entrada da mesma cova, houbo en épocas pasadas unha torre ( hoxe en día convertida en casa vivenda) e unha casa señorial. O edificio da casa torre está na parte máis alta do conxunto poboacional, cun desnivel pronunciado cara ao Oeste, que puido ser o foxo natural defensivo da citada torre. Agora é un camiño en pendente e estreito, que dá paso á sinxela casa señorial, chamada Do Río.
Ao lado dos inmobles indicados, pasa o río de Anafreita, que nace na aba do monte Cova da Serpe, de corrente rápida e de auga fresca, limpa e transparente, que moi ben podía ser o rego ao que se refire a lenda cando di que a cobra ía beber a un arroio distante un quilómetro do seu refuxio, e deixaba o rabo dentro da cova.

En canto aos donos das dúas construcións, empezamos pola casa señorial Do Río, que segundo Vázquez Seijas, no seu libro "Fortalezas de Lugo y su provincia", no ano 1731 D. Felipe Rodríguez Meylán foi o mellorado polos seus pais no terzo e no quinto de todos os seus bens, entre eles a mencionada casa. Casou con Dª Luisa Meylán Santiso, sendo herdeiro o seu fillo D. José Rodríguez, que tivo por muller a Dª Josefa de Ponte y Andrade. A casa e os bens pasan, ao pasamento daqueles, a Dª Teresa Santiso y Ponte que casou con D. Manuel María Pardo de Ulloa Ribadeneira, da casa do Vilar, San Xulián de Ourol, Guntín.

A torre e a casa Do Río pasaron a ser do Marqués de San Juan de Carballo, título concedido por Real Despacho de 27 de febreiro de 1766, a D. Antonio Pardo y Sánchez Taibo, natural de San Cibrán de Bribes, con vizcondado previo de San Juan.
Como donos e señores que foron da casa señorial e da torre- seguindo a Vázquez Seijas- aparecen D. Simón Pardo, casado con Dª Inés de la Rigueira, D. Gonzalo Pardo de la Rigueira, que tivo por dona a Dª Inés Pardo de Saavedra, D. Juan Pardo de la Rigueira , que foi o segundo Marqués, que casou con Dª Andrea Pardo. Sucédelle o seu fillo D. Pedro Pardo, que tivo por cónxuxe a Dª Angela de Ponte y Andrade e a estes D. Benito Pardo y Ponte e a súa muller Dª María Dominguez, logo D. Gregorio Pardo Dominguez, natural de Coirós e que morreu na parroquia de Anxeriz, casado con Dª Antonia Fernández. Pasou o señorío e o marquesado a D. Jacinto María Pardo, casado con Dª Benita Villar Sánchez. Segue a liña Dª Gertrudis Pardo Villar, casada con D. Francisco Pardo. O marquesado corresponderíalle ao seu fillo primoxénito D. Celestino Pardo y Pardo , médico e xuíz municipal de Friol, casado en primeiras nupcias con Dª Carmen Saavedra, e en segundas nupcias con Dª Carmen Castiñeiras. É, pois, pai de Dª Angela Pardo Saavedra , avó de Celestino Fernández de la Vega Pardo, e meu bisavó.
A propiedade da casa torre pasou por 'división particional' a Dª Carolina Pardo y Pardo, irmá de D. Celestino, que casou con D. Manuel Morandeira Vigo e logo ao seu fillo D. Celestino Morandeira Pardo, que foi cura párroco de San Mamede de Nodar, de San Pedro de Anafreita e das Negradas, herdando as súas pertenzas a súa sobriña Dª Mercedes Vigo Morandeira.
A propiedade da casa señorial Do Río correspóndelle actualmente a D. Celestino Pardo Castiñeiras, Ilustre xuíz xubilado, e fillo primoxénito do segundo matrimonio de D. Celestino Pardo y Pardo.
Polo que se refire a D. Manuel María Pardo de Ulloa Ribadeneira, oriúndo da Casa Grande de Vilar (tomo I da obra "Pazos y Señoríos de la provincia de Lugo", de Antonio Benito Yebra de Ares), e segundo di o autor, tivo moitos membros de gran sona que foron médicos, letrados, ..., na sociedade lucense, como D. Carlos Pardo Pallín, avogado e secretario do Concello de Lugo, Dª Amparo Pardo Pallín, casada con D. José Benito Pardo Rodríguez, avogado e durante moito tempo Presidente da Deputación de Lugo, e D. Manuel Pardo Pallín, avogado.
Entendemos que as propiedades principais do Marqués de San Juan de Carballo estaban no concello da Laracha, concello limítrofe do de Carballo, capital de Bergantiños, cuxa igrexa principal ten a advocación de San Xoán, e de aí o título de nobreza.
Precisamente D. Celestino Pardo y Pardo naceu en Torás (A Laracha). Porén o seu irmán D. Isauro Celestino María Pardo y Pardo naceu en Anafreita o día 4 de xullo de 1873. Foi notario e Senador, casou en Ourense o día 30 de agosto de 1903 con Dª María de la O Castro e Garcés de Marcilla , marquesa de Leis".
H. M. F.V.
Completa esta entrada outra feita xa hai algún tempo que tocaba lateralmente a temática aquí exposta. A ilustración móstranos a Casa Do Río.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.