21 outubro 2011

A mesma historia de sempre

Estes días lemos na, prensa provincial, as queixas dos veciños da vila friolesa sobre o subministro de enerxía eléctrica e os frecuentes cortes de luz que sufrimos todos, de forma reiterada, ultimamente. Lemos tamén a comprensión destas queixas por parte do Sr. Alcalde e o seu interese, mesmo persoal, na resolución do problema. Ao mesmo tempo noutro medio, casualmente, fálase do interese e as xestións que está a levar adiante o Concello relacionado co acceso a internet na bisbarra. Estamos diante da mesma historia de sempre.
Luz e comunicacións telefónicas foron e, polo que podemos ver son, teimas vellas que a veciñaza pediu de sempre, e segue pedindo cando xa vai vencida a primeira década do terceiro milenio.
Fagamos un pouco de historia a golpe de hemeroteca: Cando xa en moitas áreas da provincia luguesa nos anos anteriores á II República, tiñan un servizo telefónico adaptado aos tempos -- e non falamos só da capital provincial--, en Friol aparecen as primeiras intencións -publicadas-- sobre o interese no "novo" sistema de comunicación nos anos cincuenta; concretamente o 20 de xullo de 1951 baixo o título "¿Para cuándo tendremos teléfono?" (El Progreso) o correspondente, e supoñemos interesado no citado servizo, dá conta da necesidade do medio para un mellor desenvolvemento da economía friolesa ( acordemos que nese ano iníciase a que foi chamada Feira Nova do día 21). Ao longo desa década son innumerables os artigos que desde Friol abordan o tema. Así para ir tratando, supoñemos, de calmar ánimos, en 1953 (14 de abril), fálase na mesma cabeceira de "El teléfono cuestión de meses". E así foi, cuestión de meses, moitos pero meses.
Xa con Andón na alcaldía, lemos o 28 de outubro de 1959 no mesmo diario a nova con grande alarde tipográfico "El teléfono se extiende a todos los municipios de la provincia", xa máis polo miúdo cóntase de que realmente é unha proposta de traballo que (dicimos nós) aínda vai tardar uns cantos anos en facerse realidade. É a fins de decembro ( 30 0u 31) de 1963 cando se inaugura o servizo telefónico na vila, do que se dá noticia en "El Progreso" do 1 de xaneiro de 1964.
Avance importante si, pero sabemos aínda hoxe do funcionamento deste servizo no máis rural do concello. Hoxe cando telefonía móbil e conexión a internet son o termómetro do desenvolvemento dunha sociedade, Friol vai no furgón de cola. Ben sabemos que as grandes operadoras teñen no concello zonas de sombra nas que aínda querendo non podes ter unha comunicación telefónica, nin moito menos acceso a internet. E podemos citar moitos lugares da nosa xeografía con esa eiva. 2011
O da luz tamén é música vella. Despois das leas para concederlle o subministro a determinada empresa, estando a sociedade friolesa dividida na opción a tomar; o certo é que nos anos 60 (El Progreso 9-I-1962, 4-3-1965) os comerciantes da vila quéixanse da mala calidade do servizo, dos cortes prolongados no subministro, ... sóavos?
Pasan os anos, e seguimos igual en todos os sentidos.
As preguntas que nos facemos son:
Que empresas cunha mínima proxección de futuro van vir instalarse ao polígono industrial, por moitas subvencións que dende o Concello se oferten?
Que xestións reais está a levar o Concello coa compañía subministradora de enerxía eléctrica?
Que denuncias públicas, ou directamente á subministradora, se están facendo desde as diferentes institucións que hai no concello?
Veciñas e veciños son coñecedores dos dereitos que se teñen como consumidoras e consumidores?
Alguén os informa sobre os pasos a seguir diante do abuso aos que se ven sometidos diariamente?
No ano 1959 publicábase no diario provincial un artigo asinado por "Castrexo" e que co título "Tan cerca y tan lejos" falaba da proximidade física de Friol con Lugo e o seu afastamento real. Hoxe 2011, este Castrexo podería volver escribir o mesmo artigo sen cambiar unha coma. Ou si, engadir que as nosas autoridades locais, en época de crise, gábanse de ter un superávit anual de un millón de euros.
Como dicían os vellos "pasa fame e apetuña que xa cho comerá a garduña".

1 comentarios:

Mª José

Pues hay que quejarse , vecinos frioleses porque como muy bien dice el autor del post sois conocedores de vuestros derechos como consumidores .

Sí, en plena época de la telecomonicación aún existen zonas olvidadas por una razón o por otra en mi pueblo nos quedamos sin luz cada dos por tres ...y de la conexión a Internet habría que contar también (Estoy a 2 Km de Pontedeume y a 35 d la Coruña )

Cosas !

Saludos

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.