04 decembro 2011

D. Vicente Devesa Jul (III)

Diciamos nunha entrada anterior que no ano 1948 comezaron a celebrarse en Lugo uns cursos formativos organizados pola Inspección Educativa e auspiciados por D. Antonio Fernández.
Este home ( fillo de Antón de Marcos) funda ese ano a Escola Primaria de Capacitación Agraria de Barreiros ( hoxe Granxa de Barreiros) baixo a dirección de D. Avelino Pousa Antelo.
No ano 1950, coa intención de desenvolver o ideario da Institución Libre de Enseñanza, funda tamén na cidade das murallas o Colexio Fingoi --segundo colexio mixto creado na España franquista--coa idea inicial de capacitar ao alumnado para a vida "polo que é preciso atender a todos os aspectos da súa personalidade, que se atopan intimamente enlazados" recollen os Estatutos de Fundación do Centro.
Non sabemos a data con exactitude, pero a este proxecto incorpórase D. Vicente nos primeiros anos da súa andaina. Algunha das fillas máis novas de D. Antonio lembran as súas primeiras experiencias escolares da man de D. Vicente ( "tratábanos coma se fosemos fillas súas" lembran Tona e Asunción Fernández Puentes). Hai que indicar que nestes anos o Centro Fingoi funcionaba como Padroado ao que a Delegación de Educación achegaba unha serie de mestres, entre os que se atopaba D. Vicente.
Non tardou moito en asumir a Dirección Escolar de Primaria no colexio e co paso dos anos --desaparecidos o Cursos de Capacitación dos que antes falabamos-- a fins dos setenta impulsa a creación da Escola de Verán-- cursos estivais vencellados á Nova Pedagoxía e ventá aberta para os novos aires democráticos na escola). De feito chegou a ser o Presidente desta Escola de Verán".
É neste centro onde crea un Horto Escolar --aínda hoxe en funcionamento-- que utiliza non só para a docencia co seu alumnado, senón tamén para os mestres que se forman primeiro nos cursos de Capacitación Agropecuaria e despois na Escola de Verán. No mesmo instala unha estación de seguemento meteorolóxico na que seguen a evolución do tempo as xeracións de lugueses que pasaron polas súas aulas.
As fotografías son do Colexio Fingoi, o Horto Escolar e a terceira da Escola de Verán do ano 1985, na que aparte de D. Vicente hai máis mestres coñecidos.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.