01 decembro 2012

Toponimia de Santa María do Pacio

Nesta parroquia pola que transcorre parte do Camiño Primitivo de Santiago, atopamos os seguintes topónimos:
O Burgo de Negral. A primeira parte do topónimo -- aportación xermánica-- compárteo con cantidade de lugares da xeografía europea, dende Luxemburgo, Salzburgo e Burgos ata os galegos O Burgo e Burgovedro. En canto ao seu significado, se nos primeiros casos fai referencia a "un lugar fortificado", no que nos ocupa pensamos que achega a significación de "aldea ou pequena poboación dependente de outra maior". Pegada, xa no concello de Guntín, está a parroquia de Vilamaior de Negral que non deixa dúbidas sobre o seu predominio territorial no seu momento. O segundo elemento estaría relacionado coa cor destas terras; viría dun "nigrale" derivado de "niger" negro, cor da lousa tan visible por a súa xeografía.
A Casanova que xa vimos nas parroquias da Rocha, Xiá , Prado e Seoane, que ben ás claras indica a súa orixe.
A Grela, que segundo N. Ares e Cabeza Quiles, debería ser "Agrela" sería o diminutivo de agra (campo). Outro topónimo da parroquia derivado de "ager-agri " é Tras do Agro, co seu trans --detrás de--que sitúa perfectamente o lugar en cuestión.
Relacionados co latino petra teriamos As Pedreiras --abundancial de petra -pedra- e O Paraño dun *petraneum derivado da mesma
A Valiña, de vallis -val- diminutivizado, val pequeno.
Vilacarpide, que sería unha  Vila  Carpitus --como antropónimo posuidor--? ou Carpida? derivado do verbo carpir- chorar-- lembremos ás carpideiras, tradicionais acompañantes nos enterros.
Vilar de Salgueiros, un antigo Villare salicarium que fai referencia ao salgueiro - salix-.
Deixamos para o final o topónimo que dá nome á parroquia "O Pacio" cunha orixe que inicialmente semella nun "palatium" latino. Mais dun tempo a esta parte, está tomando forza a explicación que Juan J.Moralejo (2007) Callaica Nomina, dá para estes topónimos (Pazo, Pacio e semellantes), que os adscribe ao prelatino palatio, relacionado coas practicas pastorís dos pobos prerromanos coa achega semántica de "lugar pechado no monte onde se gardan ou recollen temporalmente animais, curro".Isto explicaría o abondoso do topónimo nas súas diferentes variantes polo noso país e que dificilmente poderían corresponder ao palatium latino como antiga casa señorial.

3 comentarios:

H.M.

En relación coa toponimia de O Burgo do Negral e de Vilamaior de Negral, polo que se refire a segunda parte do nome, en efecto, procede de terras e lousa negra, enclave ben negro en zona granítica, ubicado nos Concellos de Friol e Guntín. Pero o curioso do caso é que é unha formación que procede dun depósito de auga marina que quedou no lugar despois de un remoto fenómeno xeolóxico, pois nese espacio encontráronse fósiles de moluscos mariños

Algalia

Efectivamente, entre Friol e Guntín hai unha veta xeolóxica que se extende ata a Mariña lucense, que se corresponde cun antigo mar paleozoico (era primaria). Proba disto son os restos fósiles mariños atopados sobre lousa, como os crinoideos, que non eran moluscos, senon equinodermos. Evidencias dese antigo mar son tamén despósitos de ferro.

Algalia

Matizo o comentario anterior despois de falar con H.M., quen nos anos 60, guiado por un xeólogo francés, chegou a ver cunchas fósiles na zona, motivo polo cal chegou á conclusión de estar ante moluscos. E pode ter toda a razón. Se ben a existencia de cunchas se pode deber a braquiópodos, que aínda que teñan cunchas non son moluscos. Os traballos publicados sobre o rexistro fósil son ben imprecisos (é difícil atopa-los). En 1963, Parga Pondal e Gómez de Llanera, citan xacementos fósiles nas lousas dos arredores de Guntín, formados por crinoideos, braquiópodos, graptolites e, engaden, quizáis bivalvos (neste caso, sí son moluscos).
En todo caso, agradecemos a H.M. o intercambio enriquecedor de coñecementos.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.